O MWC debullou o aeroporto do futuro: sen colas, con robots e asistentes dixitais

Planificar unha viaxe falando cun asistente virtual, chegar ao aeroporto e deixar a maleta sen pasar por mostradores, cruzar o control sen ensinar o pasaporte e ter un robot que te acompañe ata a porta de embarque. O que parece unha escena de ciencia ficción é, en realidade, a visión que debateu a semana pasada nun Mobile World Congress que se celebrou baixo o lema “O aeroporto do futuro”.

O maior congreso mundial de conectividade dedicou este ano un espazo inmersivo a mostrar como a tecnoloxía pode transformar cada etapa dun voo. O obxectivo é facer fronte ao enorme crecemento do tráfico aéreo sen necesidade de ampliar fisicamente os aeroportos.

Segundo explicaron os responsables do proxecto, o sector enfróntase a un reto importante. O número de pasaxeiras xa recuperou os niveis previos á pandemia e continúa medrando, mentres que a inmensa maioría das infraestruturas aeroportuarias non teñen espazo para expandirse.

Viaxes planificadas con asistentes intelixentes

O futuro da experiencia aérea comezaría incluso antes de chegar ao aeroporto. A aeroliña Vueling traballa nun asistente conversacional que permitirá buscar destinos mediante voz ou chat. En lugar de introducir manualmente orixe, destino e datas, as ususarias poden simplemente comentar o que lle apetece facer e o sistema suxerirá destinos, datas e prezos segundo estas preferencias.

Unha vez mercado o billete, plataformas como Metafor poderían ofrecer información personalizada sobre o estado do voo, tempos de espera nos controis ou a distancia ata a porta de embarque.

Equipaxes intelixentes e embarque biométrico

Outra das innovacións mostradas no congreso chegou da man de Aena. A proposta consiste nunha etiqueta electrónica persoal para a equipaxe, que as pasaxeiras poden configurar desde casa. Con este sistema sería posible evitar as colas de facturación, localizar a maleta en tempo real e reducir o risco de perdas durante a viaxe.

Nos controis fronteirizos tamén se prevé unha gran transformación. Empresas como NTT Data están a desenvolver quioscos de verificación biométrica capaces de validar automaticamente a identidade das pasaxeiras mediante recoñecemento facial, contrastando os datos co pasaporte.

A idea é que o sistema só derive ao persoal humano cando detecte algún problema, reducindo así as colas e acelerando os controis.

Robots que acompañan ás pasaxeiras

Dentro das terminais tamén poderían aparecer novos asistentes físicos. Robots humanoides desenvolvidos por Agibot serían capaces de guiar ás pasaxeiras ata a súa porta de embarque, responder preguntas ou proporcionar información sobre o aeroporto.

Ao mesmo tempo, vehículos eléctricos autónomos poderían trasladar persoas con mobilidade reducida directamente ata o avión.

Mesmo baixo as pistas hai innovación: robots cuadrúpedes de ANYbotics inspeccionan infraestruturas mediante cámaras térmicas e sensores acústicos para detectar problemas antes de que provoquen atrasos.

Aeroportos máis sostibles e conectados

A sustentabilidade tamén forma parte da ecuación. A empresa francesa Waltr desenvolveu un sistema que analiza as emisións dos motores dos avións mediante cámaras multiespectrais durante o proceso de aterraxe e estacionamento. Estes datos permiten optimizar o consumo de combustible e reducir a pegada de carbono das operacións aeroportuarias.

No interior dos avións, fabricantes como Airbus imaxinan aeronaves permanentemente conectadas mediante 5G. Sistemas baseados en intelixencia artificial poderían analizar o consumo de comida a bordo para reducir desperdicios ou permitir aos pasaxeiros pedir servizos directamente desde unha aplicación.

Unha experiencia de viaxe sen friccións

A idea que resume todas estas innovacións é a chamada experiencia “hands in pocket”, literalmente “mans nos petos”. É dicir, un aeroporto no que as usuarias non que sacar documentos nin esperar en colas innecesarias.

Moitas destas tecnoloxías aínda están en fase experimental, mentres que outras xa se están probando en distintos aeroportos do mundo. Pero todas comparten a mesma misión: optimizar cada minuto da viaxe nun contexto no que o número de voos seguirá aumentando.

Sobre o autor

Reply