O2 lanza unha función para identificar e bloquear chamadas spam no móbil

As chamadas comerciais non desexadas convertéronse nun dos grandes problemas da telefonía móbil nos últimos anos. Para combater esta situación, o operador O2 anunciou unha nova funcionalidade que permitirá identificar e bloquear chamadas molestas ou sospeitosas directamente no teléfono das usuarias.

Esta ferramenta comezará a estar dispoñible a partir do próximo luns, 16 de marzo, e funcionará de forma automática para toda a clientela da operadora.

Avisos de “posible chamada molesta” na pantalla do móbil

Coa nova función activada, cando o sistema detecte unha comunicación potencialmente non desexada (como chamadas comerciais insistentes ou posibles intentos de spam) aparecerá no móbil unha advertencia clara, amosando que se trata dunha posible chamada molesta.

Segundo explicou a compañía, esta función non ten ningún custo adicional nin require activación manual, xa que estará habilitada automaticamente nas liñas móbiles do operador. O único requisito técnico é que o smartphone sexa compatible coa tecnoloxía VoLTE, é dicir, chamadas sobre rede 4G, algo que xa está presente na maioría dos dispositivos actuais.

Bloqueo automático de chamadas spam

Ademais do sistema de aviso, a compañía introducirá unha segunda medida aínda máis contundente. A partir do 30 de marzo, as usuarias poderán solicitar o bloqueo proactivo das chamadas molestas contactando co servizo de atención ao cliente do operador.

Unha vez activada esta opción, cando un número sospeitoso tente contactar co usuario a chamada nin sequera chegará a soar. No seu lugar, o sistema reproducirá unha locución informando ao emisor de que ese cliente non acepta este tipo de comunicacións.

Intelixencia artificial para detectar chamadas sospeitosas

O sistema que emprega O2 para identificar estas chamadas baséase en modelos predictivos capaces de analizar patróns de tráfico telefónico en tempo real.

Isto permite detectar comportamentos sospeitosos, que inclúen campañas de chamadas masivas, números utilizados para spam comercial ou intentos de fraude mediante “chamadas perdidas” para provocar que as usuarias devolvan a chamada

Este tipo de análise permite bloquear ou sinalar as comunicacións potencialmente abusivas antes de que se convertan nun problema para as usuarias.

Con esta iniciativa, O2 reforza a súa estratexia de situar á clientela no centro do servizo, apostando por unha experiencia máis sinxela e libre de interrupcións innecesarias. A nova funcionalidade tamén se integra dentro da infraestrutura de rede de Telefónica, que fornece a conectividade móbil e de fibra ao operador-

Sobre o autor

No Responses

Reply