Cando contratamos internet para a casa, unha das primeiras decisións é escoller a velocidade da fibra: 300 Mbps, 600 Mbps ou 1 Gbps son algunhas das opcións máis habituais. Sobre o papel, todo parece claro, pero a realidade é algo máis interesante: a velocidade que chega á casa non sempre coincide coa que aparece no contrato.
O curioso é que, na maioría dos casos, a conexión é incluso mellor do prometido. Así o reflicten os últimos datos publicados pola Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia (CNMC) no seu informe interactivo sobre a calidade dos servizos de telecomunicacións correspondente ao cuarto trimestre de 2025.
As conexións de 300 e 600 Mbps adoitan superar o contratado
Segundo os datos da CNMC, as ofertas de 300 Mbps e 600 Mbps dos cinco principais operadores en cumpren e mesmo superan a velocidade anunciada na maioría dos casos.
Por exemplo, nas conexións de 300 Mbps, a velocidade real adoita estar por enriba desa cifra. Movistar acada unha media de 327 Mbps de descarga e 308 Mbps de subida, mentres que Orange e Pepephone sitúanse arredor dos 316 Mbps de descarga e 308 Mbps de subida. Digi tamén supera o contratado, con 322 Mbps de baixada e 300 Mbps de subida. A única excepción é Vodafone, que queda lixeiramente por baixo nos 300 Mbps, cunha media de 293 Mbps de descarga e 287 Mbps de subida.
Algo similar ocorre coas conexións de 600 Mbps, que tamén superan o prometido. Movistar chega a 632 Mbps de baixada e 617 Mbps de subida, mentres que Orange e Pepephone alcanzan 628 Mbps de descarga e 615 Mbps de subida. Vodafone queda moi preto da cifra teórica, con 604 Mbps de baixada e 601 Mbps de subida.
A curiosa excepción da fibra de 1 Gbps
Se hai un dato que chama especialmente a atención no informe da CNMC é o comportamento das conexións de 1 Gbps. A pesar de ser as máis rápidas, son as únicas nas que todos os operadores analizados quedan lixeiramente por baixo da velocidade contratada.
No caso de Movistar, a velocidade media rexistrada é de 936 Mbps de descarga e 933 Mbps de subida. Orange e Pepephone ofrecen cifras similares, con 930 Mbps de baixada e 919 Mbps de subida. En Digi, os datos baixan ata 901 Mbps de descarga e 897 Mbps de subida, mentres que Vodafone queda algo máis afastado da cifra teórica, con 821 Mbps de baixada e 832 Mbps de subida.
Que a velocidade real non coincida exactamente coa contratada non significa que o operador estea incumprindo. En realidade, existen varios factores técnicos que poden influír no resultado dun test de velocidade.
Entre eles destacan o router que utilizan as usuarias, o tipo de conexión (cable ou WiFi) ou mesmo a conxestión do porto GPON da rede de fibra. Tamén inflúe o dispositivo desde o que se realiza a proba ou o momento do día no que se mide a conexión. Por iso, é relativamente habitual que a velocidade real oscile lixeiramente por enriba ou por baixo da cifra teórica.
