Un dos conceptos máis curiosos vistos recentemente no Mobile World Congress podería chegar ao mercado antes do esperado. Segundo unha nova filtración procedente de China, HONOR estaría preparando o lanzamento do seu chamativo HONOR Robot Phone para o terceiro trimestre de 2026, é dicir, entre os meses de xullo e setembro.
O elemento máis distintivo do HONOR Robot Phone é un brazo gimbal retráctil integrado no módulo da cámara. Este pequeno brazo pode despregarse para estabilizar e orientar a cámara automaticamente e retraerse no interior do teléfono cando non está en uso.
Polo momento non se coñecen moitos detalles técnicos do dispositivo, aínda que a compañía confirmou que contará cun sensor principal de 200 megapíxeles, seguindo a tendencia de cámaras de alta resolución que xa estamos a ver noutros smartphones premium.
Colaboración con ARRI para mellorar o vídeo
Outra das novidades máis interesantes é a colaboración entre HONOR e ARRI, unha empresa coñecida pola fabricación de cámaras profesionais utilizadas na industria cinematográfica.
Segundo a filtración publicada na rede social Weibo, esta alianza podería debutar precisamente no HONOR Robot Phone, incorporando tecnoloxías relacionadas coa ciencia da imaxe e algoritmos avanzados de cor, elementos clave para conseguir resultados máis profesionais en vídeo.
Se isto se confirma, o dispositivo podería ofrecer un salto importante na gravación de vídeo con smartphones, un campo no que cada vez máis marcas están a competir.
Estabilización avanzada e ferramentas para creadoras
Ademais do brazo gimbal, a filtración tamén fala da posible incorporación dun sistema de estabilización PTZ a nivel de hardware, pensado para mellorar aínda máis a estabilidade das gravacións.
A isto sumaríase un novo software de procesamento de vídeo que permitiría editar e publicar contido rapidamente desde o propio teléfono. Todo apunta a que HONOR estaría a desenvolver unha aplicación especialmente pensada para vloggers e creadoras de contido, con ferramentas específicas para gravar, editar e compartir vídeos en cuestión de minutos.
Este enfoque suxire que a compañía non quere centrarse só no hardware, senón ofrecer un ecosistema completo orientado á creación de vídeo móbil.
Coincidindo cos novos iPhone
Se o calendario filtrado se confirma, o lanzamento do HONOR Robot Phone podería coincidir coa habitual presentación anual de smartphones de Apple. Porén, a aposta de HONOR sería diferente, centrada en redefinir a gravación de vídeo desde o smartphone, combinando estabilización física, software avanzado e colaboración con marcas da industria audiovisual.
Polo momento, trátase só dunha filtración, pero todo indica que nos próximos meses comezaremos a coñecer máis detalles dun dos teléfonos máis curiosos e ambiciosos que poderían chegar en 2026
