Amazon sobe o prezo de Prime Video sen anuncios e lánzao como “Ultra”: máis caro, pero con melloras claras

Se es das que paga por evitar anuncios en plataformas de streaming, hai cambios importantes á vista. Amazon non só vai subir o prezo do seu plan sen publicidade en Prime Video, senón que tamén o vai transformar completamente nun novo modelo chamado Prime Video Ultra.

Até o de agora, as usuarias de Amazon Prime podían engadir un extra de arredor de 1,99 € ao mes para eliminar a publicidade. Ese plan, coñecido como “Ad Free”, desaparece tal e como o coñecemos. No seu lugar chega Prime Video Ultra, unha nova subscrición que manterá a experiencia sen anuncios, pero engadindo funcións que antes estaban limitadas ou directamente non existían.

O cambio arrincará o próximo 10 de abril nos Estados Unidos, onde terá un prezo de 4,99 dólares ao mes, o que supón unha subida importante respecto ao modelo anterior, de até un 66%. Porén, esta suba virá acompañada de melloras a varios niveis.

Máis calidade de imaxe e son e máis dispositivos

Un dos grandes cambios está na calidade do streaming. Co novo plan Ultra, o contido poderá reproducirse en 4K UHD, algo que até o de agora non estaba dispoñible no plan sen anuncios estándar. A isto súmanse tecnoloxías como Dolby Vision, que mellora o rango dinámico e a calidade da imaxe, e Dolby Atmos, que ofrece un son envolvente en 3D moito máis inmersivo.

Outro cambio importante está no uso diario. Con Prime Video Ultra, as usuarias poderán reproducir contido en ata cinco dispositivos simultáneos, fronte aos tres que permitía o antigo plan sen anuncios. Tamén aumenta de forma notable o número de descargas dispoñibles para ver contido sen conexión: pasa de 25 a 100 descargas, algo especialmente útil para viaxes ou consumo offline.

O plan estándar con anuncios mantense

Amazon non elimina o modelo incluído coa subscrición Amazon Prime, que seguirá sendo a opción máis básica. Unha oferta que permite até 4 reproducións simultáneas, 50 descargas e calidade HD e DHR. Pero nel mantén anuncios e queda fóra das melloras clave como o 4K ou o audio Dolby Atmos. É, na práctica, unha opción intermedia pensada para quen non quere pagar máis.

Por agora, todos estes cambios están limitados a Estados Unidos. En España, o complemento sen anuncios segue custando arredor de 1,99 € ao mes, e non hai confirmación oficial de cando chegará este novo modelo. Iso si, visto o historial de Amazon, o máis probable é que esta nova estrutura acabe expandíndose a máis mercados antes ou despois.

Un movemento que marca tendencia

O lanzamento de Prime Video Ultra deixa claro cara onde vai o mercado do streaming: máis niveis de subscrición, máis diferenzas entre plans e máis pago por unha experiencia premium.

Amazon non está só neste camiño, pero si está dando un paso importante ao converter o seu plan sen anuncios nun produto máis completo, e tamén bastante máis caro. Agora queda por ver se as usuarias están dispostas a pagar ese extra por ver series e películas sen interrupcións e coa máxima calidade posible.

Sobre o autor

Reply