O sector das telecomunicacións no Estado volverá vivir proximamente outro movemento clave. Orange iniciou o proceso para facerse co 100% de MasOrange, o maior operador do país por número de usuarias, nunha operación que agora queda en mans da Comisión Europea.
Bruxelas ten de prazo ata o 22 de abril de 2026 para decidir se autoriza este cambio, que suporía pasar dun modelo de control compartido a un control totalmente exclusivo por parte da operadora francesa.
Un paso máis tras a fusión de 2024
Para entender a importancia desta operación hai que volver a 2024, cando se produciu a fusión entre Orange España e MásMóvil, dando lugar a MasOrange. A nova compañía naceu cunha valoración de arredor de 18.600 millóns de euros e cunha base de máis de 30 millóns de liñas móbiles e 7,3 millóns de usuarias de banda larga fixa, converténdose nun xigante do mercado español.
Até o de agora, o control estaba repartido ao 50% entre Orange e un grupo de fondos de investimento (KKR, Cinven e Providence), pero o acordo inicial xa contemplaba a posibilidade de que Orange adquirise a totalidade da empresa nunha segunda fase.
O paso de control compartido a control exclusivo require unha nova análise por parte da Comisión Europea, que debe avaliar se esta maior concentración pode afectar á competencia. Na aprobación da fusión en 2024, Bruxelas xa impuxera condicións importantes para evitar un mercado demasiado concentrado. Entre elas, obrigouse a ceder espectro a Digi, reforzando así a súa posición como cuarto operador con infraestrutura propia.
Agora, o regulador deberá comprobar que a toma de control total por parte de Orange non debilita acordos clave como o acceso maiorista ou a itinerancia, fundamentais para manter a competencia.
Estratexia: máis control e máis investimento
Desde o punto de vista empresarial, o movemento ten toda a lóxica. Controlar o 100% de MasOrange permitirá a Orange tomar decisións máis rápidas e integrar completamente o negocio español na súa estratexia global. De feito, estímase que a integración completa podería xerar arredor de 500 millóns de euros anuais en sinerxías, ao optimizar custos e operacións.
Outro dos grandes beneficios desta operación será a capacidade de investimento. Cun control total, Orange poderá impulsar con máis forza o despregamento de redes 5G Standalone (5G SA) e preparar o camiño cara ao futuro 6G. Nun sector con marxes cada vez máis axustadas, a diferenza entre operadores estará precisamente na capacidade de investir en infraestrutura e innovación.
A decisión da Comisión Europea será seguida moi de preto polos principais rivais do sector, como Telefónica, Vodafone (agora en mans de Zegona) e a propia Digi. Se Bruxelas dá luz verde sen impor novas condicións duras, enviarase a mensaxe de que Europa aposta por operadores máis grandes e con estruturas simplificadas para competir a nivel global.
A nivel interno, o control total podería traer cambios na estrutura directiva, aínda que o actual CEO, Meinrad Spenger, xa foi ratificado no cargo. Para as usuarias, o impacto non será inmediato en termos de prezos, pero si podería notarse a medio prazo na calidade do servizo e na estabilidade da rede.
