Polas nosas mans pasou nas últimas semanas o Motorola Edge 70, un deses móbiles que chama a atención desde o primeiro impacto. Nun mercado no que a delgadez adoita implicar sacrificios importantes, Motorola conseguiu acadar un equilibrio pouco habitual: un smartphone extremadamente fino e lixeiro, que mantén un rendemento sólido e que non renuncia a unha boa autonomía.
É isto suficiente para xustificar o seu prezo? Analizámolo en profundidade.
Deseño e acabados
Non cabe dúbida de que o gran protagonista do Motorola Edge 70 é o seu deseño. Cun grosor que rolda os 5,5 mm e un peso de apenas 159 gramos, estamos ante un dos móbiles máis delgados que podemos atopar hoxe en día no mercado.

Porén, lonxe de parecer fráxil, é capaz de transmitir unha sensación de calidade grazas a un marco de aluminio e un acabado traseiro que evita o cristal ou metais fríos. Pola contra, o fabricante apostou por unha capa traseira rugosa, que ofrece unha sensación entre plástico de calidade e goma, e que mellora o agarre e evita as pegadas.
Este detalle é para nós unha das claves do seu deseño: non só estamos ante un teléfono bonito, senón tamén práctico para o día a día.
E xa se miramos para o dispositivo por diante, atopámonos cuns marcos frontais mínimos, o que permite un aproveitamente excelente desta parte do dispositivo para a pantalla. Ademais conta con certificacións IP68 e IP69 e estándar militar MIL-STD 810H, que garanten proteccións a auga e pó, ademais dunha resistencia superior.
No lateral esquerdo do dispositivo temos unha tecla adicada a IA, mentres que os botóns de control de volume e acendido están no lateral oposto. Na parte inferior atopamos os habital conector USB C, ademais de altofalantes e bandexa para tarxeta SIM. Se nos vamos á parte traseira, temos un módulo de catro círculos, correspondentes ás tres cámaras e ao flash LED.
En definitiva, en termos de deseño séntese cómodo na man, cunha lixeireza que fai que sexa moi agradable de soster durante longos períodos de uso.
Hardware e rendemento
Sobre o papel, o Motorola Edge 70 traballa cun procesador Snapdragon 7 Gen 4. Un modelo de gama media que pode parecer algo xusto para un dispositivo que, por prezo, é de categoría premium. Porén, ofrece un rendemento superior, que na meirande parte dos usos non reclama un chip superior.
Está acompañado de 12 GB de memoria RAM e 512 GB de memoria interna, que fan que o sistema se mova con total fluídez. O cambio entre aplicacións é rápido, e nas nosas probas puidemos compromar que mesmo con xogos esixentes funciona con gran estabilidade, ofrecendo unha experiencia de gama alta.

Pode que os materiais da capa traseira axuden a ofrecer unha gran eficiencia enerxética e térmica, polo que non se quenta en exceso cando usamos o dispositivo con tarefas esixentes ou durante sesións prolongadas.
E en termos de conectividade, temos todo o que podemos esperar hoxe en día: 5G, WiFi 5E, Bluetooth 5.4 e diversidade de sistemas de posicionamento para unha ubicación perfecta. Tampouco falta o NFC para pagos móbiles.








Pantalla
A pantalla é outro dos puntos fortes do Edge 70. Monta un panel pOLED de 6,67 polgadas con resolución Super HD (2.712 x 1.220 píxeles) e taxa de refresco de 120 Hz.
A experiencia é excelente, conseguindo un brillo moi elevado (no papel, até 4.500 nits), que se traduce nunha visión perfecta en exteriores. A isto súmase un bo contraste e ángulos de visión, así como HDR10+ para mellorar a experiencia con contidos multimedia.
Como vén sendo tendencia no sector, desaparecen os bordes curvos, pero mantense o lector de pegadas dixitais baixo a pantalla, que funciona correctamente.
Cámara
O apartado da cámara é, seguramente, onde o número de concesións é maior. O Motorola Edge 70 aposta por unha configuración que inclúe un sensor principal de 50 MP con OIS, un sensor ultra gran angular de 50 MP e outro macro. Na parte frontal temos un sensor de 50 MP.

Cando a iluminación é boa a cámara principal ofrécenos uns resultados correctos, con boas coras, un alto nivel de detalle e un procesado equilibrado. Non sobresae (tampouco compite nese mundo), pero cumpre sobradamente.

O problema chega cando se complican as condicións. Aí atopamos unha experiencia que pode resultar máis complexa, xa que o HDR non sempre responde ben. Tamén o sensor ultra gran angular perde calidade, polo que se abusamos de fotografías que o usan pode que non teñamos a experiencia de todo desexada.
Software
No apartado do software, e como é norma en Motorola, o Edge 70 chega con Android 16 e unha capa de bastante limpa e agradable. A experiencia é tremendamente fluída, intuitiva e con moitas opcións de personalización. Ademais, mantén xestos clásicos moi útiles como xirar o móbil para abrir a cámara ou axitalo para acender a lanterna.

A IA ten presenza a través de Moto AI e integración con Gemini. Conta cun botón adicado, pero que ao noso ver resulta pouco aproveitable e apenas personalizable, polo que nos quedamos con ganas de máis.
Á hora de configurar o móbil atopamos diversas aplicacións pre-instaladas, pero a meirande parte delas poden ser desinstaladas, mantendo esa experiencia liña que resulta o máis aproximado que podemos atopar á experiencia “pure Google” dos Pixel.
Batería
Malia ser un modelo fino, o Edge 70 monta unha batería de 4.800 mAh, fabricada con tecnoloxía de silicio-carbono. Esta capacidade e unha correcta optimización fai que na práctica isto se traduza nunha autonomía para rematar o día sen problemas, mesmo chegando a unhas 7 horas de pantalla.
No apartado da carga, temos carga rápida de 68 W mediante cable e de 15 W sen fíos, con compatibilidade con carga Qi2, que permite usar accesorios magnéticos
Conclusións
Logo de ter probado este modelo durante varias semanas, poderíamos concluír que o Motorola Edge 70 é un smartphone moi particular. Non busca ser o máis potente nin o mellor en fotografía, senón ofrecer unha experiencia equilibrada nun formato ultradelgado. E conségueo.
Os seus puntos fortes son o deseño, pantalla, software e unha autonomía que sorprende. Porén, ten aspectos que poden ser mellorados, especialmente a cámara ou a limitación de funcións coa tecla de IA, que de resolverse darían moito máis de si.
En definitiva, é unha excelente opción para quen prioriza deseño, comodidade e experiencia de uso diaria por riba da potencia bruta ou da fotografía avanzada. Un móbil diferente que se pode adquirir por algo menos de 500 euros.
