Vodafone renova as súas tarifas internacionais: roaming desde 3 €/día e nova Travel eSIM

Vodafone vén de anunciar unha importante actualización da súa oferta de roaming internacional, reforzando a súa proposta con novos bonos de datos en máis de 20 destinos e prezos máis competitivos.

Ademais, incorpora un novo servizo baseado en eSIM que promete conexión global sen complicacións, mantendo ás usuarias no seu ecosistema.

Máis destinos e mellores prezos para viaxar sen preocupacións

A principal novidade é a ampliación da cobertura internacional. A partir de agora, as usuarias da operadora poderán contratar bonos diarios para navegar en máis de 20 países fóra da Unión Europea, con tarifas que parten dos 3 euros ao día.

A nova estrutura de prezos queda así:

  • 3 €/día: 3 GB en destinos como Estados Unidos, Hawai e Alaska
  • 5 €/día: 1 GB en países como China, India, Exipto, Vietnam ou Tunisia
  • 10 €/día: 1 GB en destinos como Arxentina, Colombia, Senegal ou Paquistán
  • 15 €/día: 2 GB en países como Canadá, Brasil, Australia, Marrocos ou Filipinas

Este modelo permite adaptar o gasto ao tipo de viaxe e ao destino, algo clave para quen se move fóra das zonas habituais de roaming incluído.

Se ben nalgúns casos algúns prezos continúan a ser desorbitados, representan unha forte baixada de respecto ao que era habitual hai anos.

Ademais, cómpre lembrar que dentro da Unión Europea o roaming segue incluído sen custo adicional, polo que estas novas tarifas están pensadas especialmente para destinos máis afastados.

Vodafone Travel eSIM: conexión global sen cambiar de número

Outra das grandes novidades é o lanzamento de Vodafone Travel eSIM, un novo servizo que permite ter Internet en múltiples países sen necesidade de cambiar de SIM física.

Esta solución ofrece varias vantaxes, como activación inmediata, mantemento do número habitual, a posibilidade de escoller plans por rexións (como América do Norte ou África) e uns prezos que parten duns 7 euros, dependendo dos datos contratados.

Como curiosidade, esta proposta resulta máis económica ca que ofrece coas novas tarifas de conectividade. Por poñer un exemplo, as opcións para Brasil son as seguintes:

  • 5 GB para 15 días por 9,90 €
  • 10 GB para 30 días por 14,25 €
  • 15 GB para 30 días por 24,75 €

A eSIM convértese así nunha alternativa moi cómoda para quen viaxa con frecuencia ou precisa flexibilidade sen depender de tarxetas físicas.

Un paso máis para liderar o roaming internacional

Con esta renovación, Vodafone reforza a súa aposta por simplificar o uso do móbil no estranxeiro. Máis destinos, prezos claros e solucións como a eSIM colocan á operadora nunha posición destacada dentro do mercado.

Sobre o autor

Reply