Orange lanza “5G Fast Track”, para ofrecer mellor conexión en eventos masivos previo pago

Orange, a marca premium do grupo MasOrange, vén de anunciar o lanzamento de “5G Fast Track”, un novo servizo pensado para garantir a mellor conexión móbil en momentos de alta concentración de persoas, como concertos, festivais ou grandes celebracións.

A proposta chega nun contexto no que a saturación das redes segue sendo habitual en eventos multitudinarios, e pretende ofrecer unha solución específica para manter a calidade da conexión mesmo nas situacións máis esixentes.

Un “carril rápido” para evitar a saturación da rede

O novo servizo baséase nunha idea sinxela: cando milleiros de persoas se conectan á vez nun mesmo lugar, a rede pode resentirse. “5G Fast Track” actúa como un reforzo que prioriza a conectividade daquelas usuarias que o teñen activado.

Segundo Orange, esta solución aproveita as capacidades das redes 5G máis avanzadas para ofrecer unha experiencia máis estable, fluída e fiable, mesmo en escenarios de máxima demanda.

Na práctica, isto tradúcese en mellor acceso a datos móbiles para tarefas como compartir contido en redes sociais, realizar pagos co móbil, acceder a entradas ou servizos dixitais e comunicarse sen cortes nin lentitude.

Un dos puntos clave de “5G Fast Track” é que non require cambiar de tarifa nin contratar paquetes permanentes. As usuarias poden activalo só cando o necesiten, para o cal a compañía ofrece tres opcións dispoñíbeis:

  • Bono día (24 horas): 3 €
  • Bono semanal (7 días): 7 €
  • Bono mensual: 10 € (con renovación automática)

Está proposta está xa dispoñíbel para diferentes de perfís, como particulares, autónomas e pequenos negocios, e espérase que máis adiante chegue tamén a empresas e administracións públicas.

Un avance tecnolóxico e un debate aberto

Con “5G Fast Track”, Orange introduce no mercado español unha solución innovadora que leva a xestión da rede un paso máis alá, ofrecendo servizos diferenciados en función das necesidades das usuarias.

Porén, este tipo de propostas tamén debería abrir un debate sobre se é razoable pagar un extra para ter boa conexión en momentos de saturación. Un enfoque que pon enriba da mesa cuestións relacionadas coa neutralidade da rede, un principio que defende que todo o tráfico debe ser tratado por igual, sen priorización en función do pago.

Así, máis alá da innovación, “5G Fast Track” tamén invita a reflexionar sobre cara onde evoluciona o modelo de conectividade móbil nos próximos anos.

Sobre o autor

Reply