O novo Motorola Razr 70 Ultra volve ser protagonista das filtracións. A poucas semanas do seu posíbel lanzamento, apareceron os primeiros renders CAD do próximo encartábel tipo cuncha de Motorola, deixando ver un deseño continuista, pero con pequenos cambios que poden mellorar a experiencia de uso.
Todo apunta a que a firma manterá a fórmula que tan bos resultados lle deu na xeración anterior, afinando detalles en batería, cámaras e grosor.
Un deseño continuista, pero lixeiramente máis groso
Segundo a filtración, o Motorola Razr 70 Ultra medirá 171,3 x 74,1 x 7,8 mm cando estea aberto, mentres que pechado quedará en 88,0 x 74,1 x 15,8 mm.
Isto significa que será lixeiramente máis groso ca o Motorola Razr 60 Ultra, que marcaba 7,2 mm aberto e 15,7 mm pechado. A diferenza é mínima, pero podería responder a dúas melloras clave: unha batería de maior capacidade e un módulo fotográfico máis avanzado.

Nun segmento onde cada milímetro conta, este incremento parece un compromiso razoábel se realmente se traduce nunha mellor autonomía.
Dúas pantallas que repiten a fórmula gañadora
As imaxes filtradas tamén confirman que Motorola repetirá o esquema de dobre pantalla. No interior atoparemos un panel principal de 7 polgadas, mentres que no exterior manterá unha pantalla secundaria de 4 polgadas.
É exactamente a mesma configuración que vimos no modelo actual, algo que non sorprende, xa que segue sendo unha das propostas máis cómodas e útiles do mercado encartábel.
A pantalla externa segue sendo un dos grandes atractivos da gama Razr, permitindo responder mensaxes, usar apps rápidas, facer autorretratos coa cámara principal e consultar notificacións sen abrir o terminal.

Moto AI e botón dedicado no lateral
Outro detalle interesante dos renders é a presenza do botón dedicado a Moto AI no lateral esquerdo, mentres que os botóns de volume e acendido quedan no lado dereito.
Na parte inferior vemos o porto USB-C, a reixa do altofalante, o micrófono e a bandexa SIM, nun deseño moi limpo e familiar para as usuarias da serie.
A integración da intelixencia artificial promete ser un dos piares desta nova xeración, especialmente despois do impulso que Motorola lle está dando ás funcións intelixentes na súa capa Android.
Por último, e aínda que a filtración non revela a ficha técnica completa, todo apunta a que o Motorola Razr 70 Ultra montará o novo Snapdragon 8 Elite Gen 5. De confirmarse, estaríamos ante un encartábel preparado para competir cos modelos premium máis potentes de 2026, ofrecendo un salto notábel en rendemento, eficiencia e procesamento de IA.
Unha evolución conservadora, pero prometedora
As primeiras imaxes do Motorola Razr 70 Ultra deixan claro que Motorola non quere revolucionar o concepto, senón perfeccionalo.
Máis batería, posibles melloras en cámara, a continuidade da excelente pantalla externa e a aposta por IA poden ser suficientes para consolidalo como un dos encartábeis máis atractivos do ano.
Se o prezo acompaña, este Razr 70 Ultra ten moitas papeletas para converterse nun dos lanzamentos máis interesantes da primavera no mercado Android.
