R leva a cobertura móbil ata dentro da casa: así funciona “cachocobertura” e o impulso ao 5G rural en Galiza

R reforza a súa aposta por levar a conectividade a todos os recunchos de Galiza cun dobre movemento moi ambicioso: por unha banda, a expansión do 5G rural do plan UNICO en preto de 250 pequenos concellos, e pola outra o lanzamento de “cachocobertura”, unha solución pensada para resolver os problemas de sinal dentro das vivendas e negocios.

O operador galego, integrado en MasOrange, quere atacar un dos problemas máis habituais da telefonía móbil: a cobertura que funciona ben na rúa, pero desaparece ao entrar na casa, nun local interior ou nun edificio antigo.

Cachocobertura R: mellora do sinal no interior

A nova proposta de R recibe o nome de cachocobertura, unha solución especialmente pensada para fogares e empresas onde a cobertura móbil é deficiente por motivos estruturais. Falamos de inmobles con muros moi grosos, sotos, locais interiores, edificios antigos ou zonas con moita complexidade urbanística, escenarios nos que o sinal exterior non consegue penetrar con forza suficiente.

Nestes casos, R ofrece un repetidor móbil autoinstalable dentro da vivenda ou negocio, unha especie de femtocelda propia que crea cobertura no interior e garante chamadas, datos e mensaxería sen cortes.

A compañía detectou xa casos deste tipo en cidades como Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Pontevedra ou Vigo, así como noutras localidades como Boiro, Oroso, Poio, Carballo ou Ferrol. Con isto pretende evitar chamadas perdidas, cortes na voz ou situacións tan habituais como ter que achegarse á xanela para conseguir falar.

VoWiFi: a alternativa sen custo extra

Ademais do repetidor físico, R lembra que tamén ofrece VoWiFi, unha función que permite facer chamadas usando a rede wifi da casa cando a cobertura móbil é insuficiente.

É unha opción especialmente útil porque non require equipamento adicional nin custo extra, sempre que o smartphone sexa compatible e a conexión wifi teña boa calidade. Porén, polo de agora, o número actual de modelos certificados por R limítase a dispositivos Apple, ZTE, TCL e OPPO, pero aseguran que a listaxe está en evolución.

Na práctica, é unha das formas máis rápidas de mellorar a experiencia de voz en interiores, especialmente en pisos baixos, casas de pedra ou oficinas interiores.

Preto de 250 concellos galegos con 5G grazas ao plan UNICO

No exterior, R e MasOrange están a piques de completar en Galiza o despregamento do Plan UNICO 5G Redes Activas, un programa estatal que permitirá levar cobertura de quinta xeración a case 250 cocnellos de menos de 10.000 habitantes.

O investimento total na comunidade ascende a 70 millóns de euros até finais de 2026, cun reparto destacado por provincias: 22,7 millóns na Coruña, 20,5 en Lugo, 17,6 en Ourense e 9,6 en Pontevedra.

Isto significa que mesmo concellos moi pequenos, como Negueira de Muñiz, A Teixeira, Larouco, Pontedeva ou Ribeira de Piquín, xa poden acceder a conectividade 5G, reducindo unha das grandes fendas dixitais históricas do rural galego.

Cobertura total: dentro e fóra do fogar

A estratexia de R é especialmente interesante porque non se limita a falar de mapas de cobertura exteriores, algo habitual nas operadoras, senón que pon o foco na experiencia real das usuarias tamén de portas para dentro.

Entre a expansión do 5G rural, o servizo cachocobertura e o apoio de VoWiFi, a compañía constrúe un discurso que busca garantir que tanto unha empresa dunha parroquia remota como unha vivenda no casco histórico dunha cidade teñan acceso ás mesmas oportunidades dixitais.

Sobre o autor

Reply