Movistar presume de rede segura: xa bloqueou máis de 190 millóns de chamadas fraudulentas

Movistar quere converter a seguridade nun dos seus grandes argumentos de marca, e os últimos datos van nesa dirección. A operadora anunciou que a súa rede xa foi capaz de bloquear máis de 190 millóns de chamadas fraudulentas en España desde marzo do ano pasado, unha cifra que, segundo a compañía, representa o 97 % do total das comunicacións maliciosas detectadas.

A protección vai moito máis alá dunha simple alerta visual. Segundo explica Telefónica, a súa infraestrutura é capaz de neutralizar arredor de 500.000 chamadas fraudulentas ao día, o que supón máis de 15 millóns ao mes, impedindo que ataques de spoofing, suplantación de identidade ou numeracións manipuladas cheguen a soar no móbil do cliente.

Un escudo contra chamadas falsas e spam comercial

O avance máis interesante para as usuarias está na funcionalidade “chamadas spam“, que xa está activa de forma automática e sen custe para a maioría das usuarias de Movistar e da segunda marca da compañía, O2.

Este sistema analiza en tempo real os patróns das chamadas entrantes e, cando detecta que poden ser comerciais, molestas ou potencialmente non desexadas, mostra un aviso na pantalla do smartphone antes de responder. Deste xeito, as usuarias poden decidir con máis información se collen ou non a chamada.

Ademais, desde o 30 de marzo, xa é posible ir un paso máis alá e activar o bloqueo total destas chamadas spam desde a app Mi Movistar, en tendas ou chamando ao 1004, facendo que nin sequera cheguen a entrar no terminal.

Este punto é especialmente interesante porque diferencia entre chamadas fraudulentas, que a rede bloquea directamente, e chamadas comerciais invasivas, nas que as usuarias poden escoller o nivel de protección.

Movistar reforza a súa mensaxe de seguridade

A operadora aproveitou tamén para lanzar a campaña “Vuelve a contestar ¿sí?”, unha mensaxe coa que busca recuperar a confianza das usuarias á hora de responder chamadas descoñecidas.

A acción arrancou cunha lona en Madrid e durante abril estenderase a televisión, radio, medios dixitais, prensa e puntos de venda físicos. O obxectivo é asociar a marca coa idea de tranquilidade e control fronte ao crecente problema das chamadas falsas e do spam telefónico.

Nun contexto no que as estafas telefónicas, a suplantación de bancos ou compañías enerxéticas e os intentos de phishing por voz están cada vez máis presentes, esta aposta pode converterse nun dos servizos máis valorados polas usarias.

Sobre o autor

Reply