ABANCA vén de poñer en marcha a12ª edición do Programa para Startups de ABANCA Innova, unha iniciativa xa consolidada no ecosistema emprendedor do noroeste peninsular e que este ano pon o foco en tecnoloxías chamadas a transformar a banca.
As startups interesadas xa poden presentar a súa candidatura ata o vindeiro 12 de maio, a través da plataforma de ABANCA Innova, nunha convocatoria especialmente orientada a proxectos de intelixencia artificial, criptomoedas e procesos de tokenización.
Un programa pensado para transformar o sector financeiro
Nesta nova edición, ABANCA busca startups con produto xa no mercado, aínda que estea nunha fase temperá, e cun equipo preparado para escalar a solución e adaptala a contornas reais de proba.
O obxectivo é identificar propostas con potencial para mellorar áreas clave do negocio financeiro, como a xestión de riscos e compliance, a ciberseguridade, a eficiencia operativa, os procesos tecnolóxicos, o marketing e a sustentabilidade.
A entidade tamén deixa a porta aberta a outras solucións innovadoras que poidan xerar impacto real na industria bancaria, mesmo se non encaixan directamente nestes retos.
Workshop en maio e bootcamp para definir pilotos
As startups seleccionadas participarán primeiro nun workshop durante o mes de maio, no que traballarán con equipos internos do banco para explorar casos de uso reais.
Os proxectos con maior potencial pasarán despois á fase de bootcamp, do 26 de maio ao 16 de xuño, un período no que se definirá o piloto, estudaranse os custos e se analizarán as necesidades técnicas para desenvolver unha proba de concepto (PoC).
A gran vantaxe do programa é precisamente esa: poder validar rapidamente unha solución nun entorno real, controlado e cun cliente tan relevante como ABANCA.
Case 1.000 startups xa participaron
Con esta, o programa chega á súa 12ª edición cun balance moi sólido. Desde o seu lanzamento, recibiu 986 candidaturas, das que 443 foron analizadas por directivas e profesionais do banco.
Deste proceso xurdiron 25 probas de concepto reais, unha cifra que demostra a capacidade da iniciativa para converter ideas en proxectos con aplicación directa no sector financeiro.
Coworking, networking e acceso ao ecosistema investidor
Ademais do acompañamento dos equipos do banco, as startups seleccionadas contarán co apoio de HubIN, firma especializada en innovación e emprendemento.
O programa tamén ofrece acceso aos espazos de coworking de ABANCA Innova na Coruña e Vigo, un punto especialmente atractivo para proxectos galegos ou do noroeste. A isto súmase a posibilidade de participar en eventos, actividades de investimento e conexións co ecosistema nacional de startups.
Para as startups de Galiza, esta convocatoria representa unha oportunidade moi valiosa para probar tecnoloxía en banca real, validar negocio e gañar visibilidade diante dun gran actor financeiro.
Nun momento no que a IA, a tokenización e os activos dixitais están a redefinir moitos sectores, a aposta de ABANCA confirma que a innovación financeira seguirá sendo un dos grandes eixos de 2026.
