O debate polos bloqueos masivos de webs no Estado español por parte de LaLiga e Movistar volve coller forza no Congreso. O deputado do BNG Néstor Rego anunciou o rexistro de novas iniciativas parlamentarias para esixir ao Goberno do Estado que actúe de inmediato ante unhas medidas que, segundo denuncia, xa están a afectar tamén a servizos dixitais críticos e colectivos vulnerables.
O Bloque advirte de que a situación deu un salto cualitativo nas últimas semanas: o que inicialmente afectaba a páxinas culturais, negocios ou proxectos tecnolóxicos, estaría impactando agora en ferramentas de xeolocalización utilizadas no seguimento de persoas maiores, dependentes ou menores, un escenario que introduce riscos evidentes para a seguridade destas persoas.
O BNG denuncia un uso “desproporcionado e tecnicamente deficiente”
Segundo explicou Néstor Rego, estes episodios evidencian un uso excesivo e pouco preciso das medidas de bloqueo de IPs compartidas, provocando danos a terceiros completamente alleos á pirataría.
A crítica céntrase especialmente no feito de que, baixo a cobertura da loita contra as retransmisións ilegais do fútbol, se estea a permitir que intereses privados condicionen o acceso a servizos lexítimos e mesmo básicos, sen unha supervisión específica caso por caso.
Para o Bloque, é “inaceptábel” que empresas privadas poidan ter na práctica a capacidade de interromper servizos dixitais esenciais sen garantías suficientes.
Novas iniciativas: blindaxe para servizos críticos
As novas iniciativas parlamentarias do BNG non se limitarán a reiterar a oposición ao bloqueo de IPs completas.
Entre as propostas que avanzou o deputado inclúense mecanismos específicos de protección para servizos esenciais, protocolos de avaliación de impacto previo, maiores garantías para evitar danos colaterais a terceiros e a revisión do marco normativo actual.
O obxectivo é impedir que a defensa dos dereitos de propiedade intelectual acabe prexudicando outros dereitos fundamentais, como o acceso á información, a continuidade do servizo ou a protección de persoas vulnerables.
Un conflito que xa vai máis alá da pirataría
Este movemento do BNG chega nun momento no que o debate arredor dos bloqueos de IPs compartidas está a crecer entre medios, comunidade tecnolóxica e usuarias.
Nos últimos meses multiplicáronse as queixas por problemas en webs legais, servizos aloxados detrás de redes como Cloudflare e incluso ferramentas de uso profesional, algo que alimenta a discusión sobre se o modelo actual é proporcionado e tecnicamente sostible.
