Qualcomm e MediaTek recortan a produción de chips móbiles de 4 nm

O mercado dos smartphones podería estar entrando nunha nova fase de desaceleración. Segundo os últimos informes da industria, Qualcomm e MediaTek reduciron entre 15 e 20 millóns de unidades a produción dos seus chips móbiles de 4 nm, especialmente os destinados á gama media e de entrada.

O motivo principal estaría na combinación de suba dos prezos da memoria DRAM e a caída da demanda en móbiles máis sensibles ao prezo, un escenario que xa empeza a afectar directamente ás marcas que máis venden nestes segmentos.

O recorte afectaría sobre todo aos procesadores de 4 nm, moi presentes en dispositivos Android de prezo contido. No caso de MediaTek, isto impactaría familias como Dimensity 7200, Dimensity 7300, Dimensity 8200, Dimensity 9300 e Dimensity 9400; mentres que pola parte de Qualcomm, os axustes tocarían chips moi populares como o Snapdragon 8 Gen 3, o Snapdragon 7s Gen 2 ou as series Snapdragon 4 Gen 2.

En termos industriais, isto supón un recorte estimado de 20.000 a 30.000 obleas, unha cifra moi importante na cadea de subministración global.

A memoria, gran culpable da caída da demanda

O punto máis preocupante é que a industria comeza a falar xa de “destrución da demanda”, un termo que se usa cando os prezos soben tanto que as consumidoras simplemente deixan de comprar.

A gran presión chega pola memoria DRAM, cuxos custos se dispararon nos últimos meses debido á enorme demanda vinculada á intelixencia artificial e á produción de memoria HBM para centros de datos.

Na práctica, isto significa que fabricar un smartphone de gama media custa máis, obrigando as marcas a subir prezos ou reducir marxes, algo especialmente delicado en mercados como China, onde o prezo é decisivo.

A este escenario súmase a crise loxística global derivada do conflito en Oriente Medio, que está a afectar materias primas fundamentais para a fabricación de semicondutores, como o helio empregado nos procesos de limpeza e refrixeración criogénica.

A falta deste recurso engade máis tensión á produción e contribúe a que os fabricantes opten por producir menos chips ata que o mercado se estabilice.

Sobre o autor

Reply