O Tesla Full Self-Driving (FSD) Supervisado, ou o que é o mesmo, a condución autónoma supervisada, xa é oficialmente unha realidade en Europa. Tras meses de probas e unha longa espera por parte das propietarias da marca, o sistema recibiu a súa primeira aprobación regulatoria no continente.
O primeiro país en darlle luz verde foi Países Baixos, que se converte así na punta de lanza da condución asistida avanzada de Tesla no mercado europeo, abrindo ademais a porta a novas aprobacións por parte de outros estados membros.
Países Baixos, primeiro mercado europeo con Tesla FSD
A autoridade holandesa RDW aprobou o uso do sistema FSD Supervisado en estradas urbanas e autoestradas, converténdose no primeiro regulador europeo en autorizar esta tecnoloxía.
A aprobación chega despois de máis de 18 meses de probas e validación, durante os que Tesla adaptou o software ás particularidades das estradas europeas: sinais diferentes, marcas viarias específicas, cambios de ancho de vía e unha circulación máis complexa que a de Estados Unidos.
O máis importante é que esta decisión pode acelerar a chegada do sistema ao resto da Unión Europea, xa que agora existe unha vía regulatoria máis clara para o recoñecemento noutros países.
Como funciona o FSD de Tesla en Europa
A pesar do nome, o FSD de Tesla non é condución autónoma total. En Europa está homologado como un sistema SAE Nivel 2, polo que as condutoras deben permanecer atento en todo momento, coa mirada supervisada polo vehículo e preparadas para tomar o control instantaneamente.
O coche pode encargarse de acelerar e frear, manter o carril, realizar cambios de vía, xestionar rotondas e interseccións e reaccionar a sinais e semáforos. Pero a responsabilidade legal segue sendo completamente da persoa que estea no volante.
O Estado español aínda terá que esperar
A boa noticia para as usuarias da marca é que o Estado español xa formou parte das probas reais de Tesla nos últimos meses, xunto con países como Francia, Alemaña, Italia ou Croacia. De feito, máis de 13.000 persoas probaron o sistema en estradas europeas durante esta fase previa, segundo datos compartidos pola compañía.
Porén, a activación no Estado non depende da tecnoloxía, senón de que as autoridades competentes dean tamén o visto e prace. Todo apunta a que, se o proceso comunitario avanza ben, a expansión ao resto da UE podería chegar este verán.
Esta aprobación reforza a posición da marca fronte a outros sistemas avanzados como BlueCruise de Ford ou as solucións ADAS premium de Mercedes e BMW, e podería marcar o comezo dunha nova era para a condución.
