OPPO Find X9 Ultra: deseño Hasselblad, Watch X3 e ofertas de reserva que poden aforrar ata 360 euros

OPPO acaba de amosar oficialmente o deseño do novo Find X9 Ultra, o seu próximo móbil insignia centrado na fotografía, e fíxoo acompañado dun ecosistema renovado con novos wearables e accesorios premium. A marca tamén confirmou a chegada do OPPO Watch X3, os novos Enco Clip2 e o chamativo Hasselblad Earth Explorer Kit, unha proposta pensada para levar a fotografía móbil un paso máis alá.

A maiores, a compañía puxo en marcha unha campaña de reserva anticipada con descontos, agasallos e acceso prioritario, unha fórmula que busca converter o Find X9 Ultra nun dos lanzamentos máis potentes deste mes no segmento Android premium.

Un deseño que converte o OPPO Find X9 Ultra nunha cámara de peto

O gran protagonista é o novo deseño “Master Lens”, claramente inspirado nas cámaras clásicas de Hasselblad. A traseira aposta por unha estética moito máis fotográfica, con logotipos aliñados en horizontal, un módulo de cámara de gran tamaño e detalles hexagonais que lembran as palas de apertura dun obxectivo profesional.

O resultado é un smartphone que quere transmitir desde o primeiro momento a idea de estarmos ante unha cámara, algo que encaixa perfectamente coa mensaxe que OPPO leva semanas adiantando sobre o Find X9 Ultra e o seu enorme salto en zoom e sensores.

Outro dos detalles máis rechamantes é o novo Quick Button en cor laranxa Hasselblad, un botón físico pensado para abrir a cámara rapidamente e reforzar esa sensación de uso profesional.

Dous acabados premium: elegancia ou personalidade

OPPO lanzará este modelo en dous acabados especialmente chamativos:

  • Tundra Umber, inspirado no minimalismo nórdico, cunha traseira en coiro vegano
  • Canyon Orange, moito máis vibrante, con fibra de grao aeronáutico para mellorar a resistencia

Ambas variantes apostan por un aspecto moi diferencial dentro da gama alta Android, afastándose do deseño máis continuísta que vemos noutras marcas.

Hasselblad Earth Explorer Kit: o accesorio que o cambia todo

Un dos anuncios máis interesantes para as amantes da fotografía é o novo Hasselblad Earth Explorer Kit, un conxunto de accesorios que transforma o Find X9 Ultra nunha ferramenta creativa moito máis seria.

Este kit inclúe unha funda Explorer Case en coiro vegano verde escuro, un botón de obturación en dúas etapas; dial físico para controlar o zoom e o novo teleconvertedor Hasselblad 300 mm.

Este último accesorio é especialmente rechamante, xa que se monta directamente sobre o lente teleobxectivo do teléfono e permite acadar unha distancia focal equivalente a 300 mm, algo moi pouco habitual en telefonía móbil.

Esta é posiblemente a parte máis diferencial do lanzamento: OPPO non só mellora cámaras, tamén crea unha experiencia fotográfica completa arredor do smartphone.

O ecosistema medra: Watch X3 e Enco Clip2

Ademais, o Find X9 Ultra non chega só. OPPO tamén confirmou que o evento traerá o novo Watch X3, un reloxo intelixente premium con pantalla LTPO OLED, brillo moi elevado e sensores avanzados de saúde, xunto cos novos Enco Clip2, uns auriculares abertos pensados para confort, audio de alta calidade e gran autonomía.

Esta estratexia reforza a idea de ecosistema conectado, un punto no que OPPO leva tempo querendo competir con forza fronte a Samsung, Apple e Xiaomi.

Reserva anticipada: desconto directo, agasallos e Champions

A campaña de precompra é outro dos puntos fortes. Cun depósito inicial de 49 euros, as compradoras poderán acceder a beneficios como 200 € de desconto directo, ata 16 € de desconto en dispositivos IoT, agasallos valorados en ata 638 €, coa opción de escoller entre OPPO Pad5, Watch X3 ou o kit Hasselblad.

Ademais, haberá entrega prioritaria para os primeiros 700 pedidos, un 10 % extra para estudantes e empregadas, plan renove con ata 200 € adicionais e un 50 % de desconto en accesorios.

Os beneficios complétanse coa participación no sorteo de entradas para a final da UEFA Champions League Final ou unha viaxe valorada en 2.500 €, polo que se trata dunha das campañas de lanzamento máis agresivas da marca nos últimos tempos.

Máis información | OPPO

Sobre o autor

No Responses

Reply