Motorola vén de abrir oficialmente a prevenda no Estado español do seu novo razr fold, o primeiro modelo encartábel tipo libro da marca. E faino ademais cunha campaña moi potente que inclúe, ademais de descontos directos e accesorios de balde, unha edición limitada con acceso garantido a un partido da Copa Mundial da FIFA 2026.
O novo motorola razr fold supón un cambio importante na familia razr, tradicionalmente centrada nos modelos encartábeis tipo cunha. Porén, nesta ocasión a marca apostou por ofrecer un formato libro con gran pantalla interior, pensado para multitarefa real, consumo multimedia e traballo en mobilidade.

No seu interior monta o procesador Snapdragon 8 Gen 5, un dos chips máis potentes do momento, con foco especial en intelixencia artificial, rendemento fotográfico e tarefas avanzadas en tempo real.
Ademais, un dos grandes extras é que inclúe o novo moto pen ultra na caixa, algo moi pouco habitual nesta gama de prezo. O stylus ofrece sensibilidade á presión e detección de inclinación, permitindo escritura fluída entre dispositivos, a toma de notas rápida ou debuxo e edición de imaxes para as persoas máis creativas.

Mellor cámara entre os encartábeis segundo DXOMARK
Motorola tamén puxo moito foco na fotografía. Segundo a compañía, o novo modelo foi recoñecido por DXOMARK como o mellor sistema de cámara na categoría de smartphones encartábeis, logrando a etiqueta Gold Label.
Máis aló do marketing, isto reforza a idea de que xa non hai que asumir grandes renuncias fotográficas por mercar un teléfono deste tipo, algo que durante anos foi unha das súas maiores debilidades.
Tamén promete unha das mellores autonomías da súa categoría, con batería de alta capacidade e carga ultrarrápida, dous puntos clave nun dispositivo pensado para uso intensivo.
Prezo en España e oferta de preventa: 250 € menos e accesorios de agasallo
A preventa estará activa até o vindeiro 3 de maio en motorola.es e El Corte Inglés, cun prezo oficial de 1.999 euros. A venda xeral comezará o 4 de maio nos distribuidores habituais.
Durante este período promocional, as usuarias recibirán 250 € de desconto directo, ademais do moto pen ultra, un reloxo moto watch e os auriculares moto buds loop de balde.
Ademais, o máis rechamante do lanzamento é a FIFA World Cup 26 Collection, unha edición limitada creada como parte da colaboración oficial entre Motorola e o torneo.

Esta versión especial inclúe un deseño especial inspirado no Mundial, con acabados premium e un distintivo chapado en ouro de 24 quilates. Ademais, leva de serie 2 entradas garantidas para un partido do Mundial 2026, sen sorteos nin concursos, e o seu prezo é de 2.399 euros.
