Cando parecía que todo estaba inventado coa chegada dos móbiles encartábeis e os dous formatos, tipo libro ou cuncha, Huawei dálle unha volta e presenta un novo concepto de smartphone. O novo Huawei Pura X Max aposta por un formato máis ancho do habitual, afastándose do deseño vertical clásico dos Fold para ofrecer unha experiencia moito máis próxima á dunha mini tablet.
Nun ano no que todo apunta á chegada do iPhone Ultra encartábel e do futuro Galaxy Z Fold 8 Wide, a marca chinesa volve moverse primeiro e presenta o que xa podemos considerar o primeiro plegable “wide” da nova xeración.
O novo formato wide: máis tablet, menos móbil tradicional
Até o de agora, a maioría dos encartábeis tipo libro apostaban por un deseño máis alto ca ancho, unha fórmula popularizada pola familia Galaxy Z Fold de Samsung.
Co Huawei Pura X Max, isto cambia radicalmente, xa que o dispositivo incorpora unha pantalla exterior de 5,5 polgadas, e unha pantalla interior de 7,6 polgadas, cun formato aberto cunha proporción 16:10 e un deseño claramente máis ancho ca alto.
Isto fai que a experiencia sexa moito máis natural para ver series, películas, vídeos de YouTube ou traballar con varias aplicacións ao mesmo tempo, xa que se reduce a presenza das típicas barras negras e se gaña espazo horizontal útil. Na práctica, Huawei está convertendo o seu encartábel nunha mini tablet de peto.

Tamén hai peaxes: menos espazo vertical
En calquera caso, semella que non todo son vantaxes. O novo deseño tamén ten unha pequena contrapartida, coa redución do espazo vertical para o contido.
Isto pode afectar especialmente ao formato ao que estamos habituadas para consumo de redes sociais, lectutra de feeds ou calquera outra aplicación moi optimizadar para scroll verticual.
Aínda así, o equilibrio parece interesante, especialmente para quen prioriza vídeo, produtividade e multitarefa fronte ao consumo rápido de redes.
Deseño premium e cámaras cun novo estilo horizontal
As imaxes oficiais tamén deixan claro que Huawei quere manter o nivel premium da serie Pura. Así, o Pura X Max aposta pola incorporación de materiais premium e unha estética máis luxosa, o que confire uns acabados de gama alta.
Tamén incorpora un novo módulo horizontal de tres cámaras, que reforza a idea de novo comezo dentro da familia, diferenciándose tanto dos Mate como dos anteriores Fold.
Huawei xa confirmou que o dispositivo chegará a China o 20 de abril, momento no que coñeceremos o resto das especificacións. En calquera caso, sabemos que haberá versións con 12 e 16 GB de RAM, así como aé 1 TB de almacenamento
Polo momento non hai detalles sobre o procesador, o prezo nin unha posible chegada internacional, aínda que non sería raro velo máis adiante nalgúns mercados seleccionados.
