A Unión Europea presenta a súa propia app para verificar a idade nas redes sociais

A protección de menores en Internet pode dar un importante paso adiante nos próximos meses. A Comisión Europea acaba de presentar a súa nova aplicación de verificación de idade, unha ferramenta deseñada para que plataformas como Instagram, TikTok ou sitios de contido para adultos poidan cumprir coa Lei de Servizos Dixitais (DSA).

A presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, confirmou que a aplicación xa está “tecnicamente lista”, e que non se trata dunha simple base de datos, senón dunha ferramenta integrada no marco da Carteira de Identidade Dixital Europea.

Un proceso de verificación sinxelo e, a priori, anónimo

A priori, semella que o proceso para as usuarias será relativamente sinxelo, e comezará pola descarga e rexistro da aplicación no noso smartphone. A partires de aí, haberá que realizar a vinculación oficial, para o cal deberemos escanear o noso pasaporte ou DNI electrónico, confirmando a nosa identidade de forma única.

Por último, cando unha rede social solicite comprobar a nosa idade, a app enviará unha confirmación anónima, de maneira que a plataforma saberá que somos maiores de 18 (ou 16) anos, pero non saberá quen somos nin verá os nosos datos persoais.

Segundo a UE, a aplicación foi deseñada baixo os estándares de privacidade máis restritos do mundo, que inclúen:

  • Anonimato total: O sistema utiliza probas de coñecemento cero. Isto significa que a app confirma un dato (a idade) sen revelar a fonte (o noso DNI).
  • Código aberto: A ferramenta será de código aberto, o que permite que persoas independentes poidan auditar o código para asegurar que non existan portas traseiras ou recollida de datos encuberta.
  • Sen rastreos: A Comisión asegura que non será posible rastrear o comportamento das usuarias entre diferentes aplicacións.

A presión sobre as redes sociais

Malia que o uso da aplicación por parte das usuarias será, de primeiras, voluntario, o certo é que para as plataformas dixitais vai ser o camiño a seguir.

Baixo a Lei de Servizos Dixitais, as grandes tecnolóxicas enfróntanse a multas de ata o 6% da súa facturación global se non protexen eficazmente ás menores. Con esta aplicación a UE quita as “escusas” técnicas que viñan esgrimindo estas empresas, xa que agora existe unha solución gratuíta e oficial para que as redes sociais verifiquen quen entra nelas.

A aplicación xa foi testada con éxito en sete países, entre eles no Estado Español. Espérase que o despregamento sexa progresivo e que estea dispoñible na Google Play Store antes de que remate este 2026.

Sobre o autor

Reply