realme acaba de axitar o mercado da gama media co lanzamento do seu novo realme 16 5G. A compañía chinesa segue fiel á súa estratexia de ofrecer prestacións de gama alta a prezos contidos, pero desta volta faino poñendo o foco nun equilibrio case imposible: unha batería de gran capacidade nun corpo extremadamente delgado e lixeiro.
Deseño “Air”: Lixeireza sen sacrificar batería
O primeiro que chama a atención do realme 16 5G é a súa construción. Baixo o concepto Air Design, realme acadou un peso de só 181 gramos e un grosor de 8,1 mm. O sorprendente é que no seu interior agocha unha batería Titan de 6.550 mAh, unha cifra máis propia de teléfonos robustos que dun dispositivo estilizado. A carga rápida é de 45W.

O deseño traseiro tamén cambia, apostando por unha Camera Bar horizontal (que lembra á estética de Google ou de antigos flagships) e un acabado chamado Aurora Wings que cambia de cor segundo a luz.
Fotografía: espello traseiro para mellores autorretratos
No apartado fotográfico, o realme 16 5G non quere quedar atrás. Conta cun sistema dual con sensor principal Sony IMX852 de 50 MP. Pero a verdadeira curiosidade é o Selfie Mirror.

Como o seu propio nome indica, é un espello pensado para facilitar o uso da cámara traseira (que sempre ten máis calidade) para facerse autorretratos. Isto, sumado ao sistema AI Portrait Master, busca que os nosos selfies teñan un acabado máis profesional, optimizando o ton de pel e o procesamento de luces e sombras mediante intelixencia artificial.
Características do realme 16 5G
A pantalla é outro dos puntos fortes do realme 16 5G. Estamos ante un panel AMOLED de 6,57 polgadas cunha taxa de refresco de 120 Hz para unha fluidez total, brillo de até 4.200 nits, o que garante que veremos a pantalla perfectamente mesmo baixo o sol máis intenso do verán galego.
Por outra banda, inclúe certificación IP69, polo que o realme 16 5G non só aguanta a choiva ou caídas na auga, senón que está protexido contra chorros de auga a alta presión e temperatura.
En canto a softwre, o dispositivo chega coa nova capa de personalización realme UI 7.0, baseada nas últimas versións de Android. Para asegurar que o teléfono non perda velocidade co paso dos meses, incorpora o Brand-New Flux Engine, un motor de optimización que promete manter a fluidez do sistema a longo prazo.
Prezo e dispoñibilidade do realme 16 5G
O realme 16 5G xa está dispoñible nunha única configuración de memoria de 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, cun prezo de 349 € en oferta até o 30 de abril. Pódese adquirir en dúas cores, Air White e Air Black.
Con este lanzamento, realme volve demostrar que sabe onde apertar. Meter máis de 6.500 mAh nun corpo de 180 gramos é un logro de enxeñaría que moitas usuarias agradecerán no día a día. Se a isto lle sumamos a resistencia IP69 e unha pantalla de primeiro nivel, temos un candidato moi serio a rei da gama media neste semestre.
