Nas últimas semanas estivemos probando a fondo o Motorola Signature. Un tempo máis que suficiente para entender que non estamos ante un smartphone máis dentro da gama premium. Desde o primeiro contacto, este dispositivo transmite unha auténtica declaración de intencións por parte da marca: ofrecer un móbil con personalidade propia, deseño diferencial e unha experiencia de alto nivel nun segmento onde cada vez custa máis sorprender.
O Motorola Signature é un deses terminais que ten presenza desde o momento en que o sacas da caixa. Hai teléfonos que pasan desapercibidos e outros que, simplemente, chaman a atención pola súa estética e polo coidado nos detalles. Aquí Motorola apostou por un concepto elegante, refinado e moi recoñecible, cunha liña visual que rompe bastante co habitual no mercado Android actual, demasiado dominado por módulos de cámara repetitivos e deseños conservadores.
Un dos aspectos que máis nos gustou nestas primeiras semanas é precisamente esa sensación de estar ante un dispositivo delgado, bonito e especialmente agradable na man, algo que non sempre é doado de conseguir nunha franxa de prezo arredor dos 1.000 euros, ondeas usuarias xa esiximos non só potencia, senón tamén diferenciación e acabados realmente premium.
E esa é, seguramente, a mellor forma de definir este Motorola Signature: un móbil que quere destacar, que busca ser distinto e que entra polos ollos antes incluso de comezar a falar de hardware, cámara ou batería.
Deseño e acabados
Se na introdución falabamos dun móbil con presenza, no apartado de deseño o Motorola Signature confirma rapidamente que aquí hai algo especial. A primeira ao sacalo da caixa é preguntarse como pode pesar tan pouco.
Son só 186 gramos e un grosor de 6,99 milímetros, o que ofrece unha sensación que resulta sorprendente para un smartphone que rolda as 6,8 polgadas. Esa percepción de lixeireza pareceunos especialmente relevante nun segmento onde moitos rivais premium superan amplamente os 200 gramos.

Por outra banda, Motorola soubo xogar moi ben coa combinación de materiais. O chasis está construído en aluminio de grao aeroespacial, mentres que a traseira aposta por un acabado texturizado moi especial. Na nosa unidade negra, a sensación lembra a materiais como o neopreno ou á tapicería dun coche deportivo, resultando cálido ao tacto e agradable. E algo moi importante, non escorrega e resiste moi ben as pegadas, algo que se agradece moito no uso diario.
Un dos medos lóxicos cun móbil tan delgado é a durabilidade, pero aquí Motorola tamén cumpre. O treebllo conta con con certificación militar MIL-STD-810H, protección IP68/IP69 contra auga e po, incluídos chorros a presión, e reforzo con Gorilla Glass Victus 2 tanto diante como detrás.

Nas nosas probas transmite unha sensación de solidez absoluta. Visualmente pode parecer delicado pola súa finura, pero na práctica está moi ben construído e dá confianza.
Hardware e rendemento
No apartado interno, o Motorola Signature xoga claramente na primeira división da gama premium. Conta cunha configuración de 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento, que lle permite moverse con absoluta soltura tanto no uso diario como en tarefas máis esixentes. A sensación foi sempre a mesma: é un móbil rápido, fluído e tremendamente consistente, deses que nunca fan esperar.
Motorola apostou polo Snapdragon 8 Gen 5, un procesador que quizais non sexa a variante máis “bruta” da plataforma de Qualcomm, pero que ten unha vantaxe moi clara: a xestión térmica está mellor equilibrada. E isto nótase moitísimo. Nas nosas probas con xogos, vídeo 4K, cámara e uso intensivo, o teléfono mantén o rendemento moi estable e sen caídas bruscas por temperatura.
Outro punto no que o Signature vai sobrado é na conectividade. Inclúe todo o que se lle pode pedir a un flagship de 2026: 5G sub-6, Wi-Fi 7, Bluetooth 6, NFC e, por suposto, Dual SIM (nano SIM + eSIM). Na práctica, isto tradúcese en excelente velocidade de rede, gran estabilidade con accesorios sen fíos e moi boa precisión en navegación. O salto a Wi-Fi 7 tamén é especialmente interesante para quen teña router compatible, porque se nota tanto na descarga como na latencia en streaming e cloud gaming.
Motorola tamén puxo mimo no apartado sonoro. O dispositivo integra altofalantes estéreo axustados por Bose, con compatibilidade con Dolby Atmos, e o resultado está claramente por enriba da media. O son é potente, limpo e cunha escena bastante ampla para o tamaño do dispositivo. En definitiva, unha experiencia é moi satisfactoria.

Mención especial merece o sensor de pegadas dixitais integrado na pantalla. Aquí Motorola fixo un traballo excelente, porque é altamente rápido e moi preciso. O desbloqueo é case instantáneo e, o máis importante, non tivemos practicamente erros durante as semanas de uso.
Semella pois que neste modelo cada decisión foi pensada para ofrecer rendemento sostido, boa disipación, excelente conectividade e unha experiencia multimedia premium, algo que encaixa perfectamente co seu posicionamento de prezo.
Pantalla
Outro dos puntos máis destacados é a pantalla curva nos catro lados. Non estamos ante unha curvatura agresiva pensada só para lucir nas fotos. Motorola apostou por unha suavización elegante dos bordos, o suficiente para que os xestos laterais e o desprazamento co dedo sexan especialmente cómodos.
A experiencia ao navegar, volver atrás ou cambiar entre apps é moi boa, porque o dedo entra e sae da pantalla cunha fluidez moi natural. Ademais, esta integración fai que o frontal se vexa aínda máis premium e que a sensación de inmersión sexa maior.

Trátase dun panel Extreme AMOLED de 6,8 polgadas con resolución 1.5K, e sinceramente non precisa ir máis alá. Non é 4K, pero a nitidez é espectacular. Ademais, o brillo e na calidade do panel. O pico teórico de 6.200 nits convérteo nunha das mellores pantallas que probamos ata agora en exteriores. Mesmo con sol directo, a visibilidade é saobresaínte.
Ademais, os contidos HDR con Dolby Vision lucen espectaculares, con negros profundos, moita intensidade nas luces e unhas cores vibrantes pero moi ben calibradas, mantendo esa validación Pantone que xa se converteu nun selo recoñecible da marca.
Outro dos seus grandes puntos fortes é a taxa de refresco LTPO, capaz de moverse entre 1 e 120 Hz no uso normal, adaptándose para aforrar batería, pero subindo ata 165 Hz en xogos compatibles. Na práctica, isto tradúcese nunha experiencia extremadamente suave.
Cámara
A fotografía era un dos apartados onde máis curiosidade tiñamos con este Motorola Signature, sobre todo despois de probar o Motorola Edge 70. A realidade é que nos deixou sensacións moi boas.
Sobre o papel, ofrece un sistema traseiro moi completo, composto por un sensor principal de 50 MP, f/1.6, OIS e tecnoloxía Ultra Pixel; e acompañado por un ultra gran angular de 50 MP, 122º e función macro; e un teleobxectivo de 50 MP con OIS, zoom óptico 3x e superzoom 100x. Complétase cunha cámara frontal de 50 MP.

Máis aló da ficha, Motorola consegue un procesado máis equilibrado, máis natural e moito mellor resolto en HDR. Nas fotos do día a día atopamos moi bo nivel de detalle, boa xestión do contraste e, sobre todo, un HDR moi ben executado. Non cae nese exceso de dramatización que vimos noutros modelos da marca, onde ás veces as luces e as sombras quedaban demasiado forzadas. Aquí o resultado é máis realista e agradable, mantendo rango dinámico sen artificialidade.
Porén, se hai un modo que nos gustou especialmente é o modo retrato. Motorola incorpora catro distancias focais predefinidas, algo que fai moito máis fácil adaptar a foto ao tipo de escena ou ao estilo que buscamos. Así mesmo, o recorte do suxeito é preciso, o desenfoque resulta natural e a separación do fondo está moi ben medida, sen abusar do efecto.
O outro gran punto forte é o zoom híbrido ata 10x, onde o teléfono ofrece resultados moi sólidos. Ata esa distancia a nitidez mantense a un nivel alto, con boa interpretación do detalle e sen destruír a textura da imaxe. Máis aló xa entra o marketing,pero sendo honestas, o realmente útil está nese rango de 3x a 10x, e aí cumpre moi ben.
En conxunto, a cámara do Motorola Signature parécenos un paso adiante claro, no que non se busca impresionar con megapíxeles, senón ofrecer versatilidade para o uso real.












Software
No software, Motorola segue unha liña que encaixa perfectamente co que moitas usuarias buscamos en Android: unha experiencia limpa, rápida e moi próxima ao estilo Pixel, pero enriquecida con funcións propias que realmente achegan valor. O Motorola Signature chega con Android 16 de serie e, o máis importante, cun compromiso de 7 anos de actualizacións de sistema operativo e seguridade, algo fundamental nun móbil que se move arredor dos 1.000 euros.
Por enriba do sistema atopamos Hello UI, a capa da marca, que mantén esa filosofía minimalista de animacións fluídas, pouca duplicidade de apps e unha integración moi natural co hardware. Seguen presentes os xestos clásicos de Motorola, que xa son case un selo da casa, como axitar para activar a lanterna, pequenos detalles que unha vez te acostumas custan moito abandonar.
O gran salto está na capa de intelixencia artificial. Moto AI ofrece funcións como resumo de notificacións, suxestión de respostas, optimización do sistema en segundo plano, creación de imaxes, xestión de recordatorios e un espazo no que gardar contido, textos ou capturas para recuperalos despois desde a propia app. Ademais, integra servizos como Perplexity, ampliando as posibilidades de busca e asistencia contextual.
Motorola tamén se suma á tendencia dos botóns dedicados á IA cun botón lateral específico, que permite acceder rapidamente ás funcións de Moto AI mediante pulsación longa ou dobre toque. Por defecto está centrado no ecosistema da marca, e non deixa cambiar a acción para abrir outros asistentes, algo que nos gustaría ver no futuro, pero a integración é rápida e cómoda.
Mención aparte merece Hello You, a pantalla intelixente de contido e recomendacións de Motorola. Aquí atopamos acceso a novas destacadas, suxestións e información personalizada, cun nivel de personalización bastante alto para adaptalo aos nosos intereses. É unha función que pode pasar desapercibida ao principio, pero ben configurada convértese nun espazo moi útil para ter información relevante sen abrir outras aplicacións.
Batería
A batería é outro dos puntos onde este Motorola Signature sorprende especialmente, sobre todo se temos en conta o seu perfil ultradelgado. Integra unha unidade de 5.200 mAh con tecnoloxía silicio-carbono, unha evolución moi interesante fronte ás baterías tradicionais porque permite albergar máis ións de litio no mesmo volume físico.
Nas semanas que o estivemos probando, a autonomía foi moi sólida. Entre o bo traballo do Snapdragon 8 Gen 5, a pantalla LTPO e a optimización de Hello UI, é un móbil que chega ao final do día con marxe incluso en xornadas intensas de cámara, redes, streaming e multitarefa. Para un terminal desta categoría, o equilibrio entre tamaño, grosor e duración parécenos moi ben resolto.
A carga tamén está á altura dun flagship actual. Contamos con carga rápida por cable de 90 W, carga sen fíos de 50 W e carga inversa inalámbrica de 10 W
Na práctica, o dato máis importante é que podemos telo completamente cargado en arredor de 50 minutos usando cable, un tempo excelente para unha batería desta capacidade. A carga sen fíos tamén destaca especialmente, porque os 50 W inalámbricos están por riba do que ofrecen moitos rivais premium.
En definitiva, Motorola consegue algo moi difícil: un móbil finísimo, cunha batería grande, boa autonomía e tempos de carga moi competitivos, sen compromisos evidentes no uso real.
Conclusións
Despois de varias semanas co Motorola Signature no peto, a sensación que nos deixa é moi clara: é un móbil moi ben feito. Pode parecer unha definición simple, pero resume perfectamente o que transmite no día a día. É deses smartphones que entran polos ollos, que chama a atención polo seu deseño ultradelgado, pola elegancia dos acabados e por esa sensación de produto distinto nun mercado onde case todo comeza a parecerse demasiado.
O mellor é que non se queda só na estética. Motorola conseguiu acompañar esa primeira impresión cun conxunto moi sólido: pantalla excelente, rendemento fluído, cámaras equilibradas, boa autonomía e un software limpo con moitos anos de soporte por diante. Todo encaixa moi ben e fai que a experiencia xeral estea á altura do que se espera nun dispositivo arredor dos 1.000 euros.
É bonito, é delgado, ten personalidade e funciona realmente ben. E ás veces, nunha gama alta saturada de cifras e promesas, iso é exactamente o que máis valor ten. Pódes adquirir en tendas como Amazon, en negro ou dourado..
Este artigo contén enlace de afiliados. Se mercas o dispositivo, a ti sáeche ao mesmo prezo, e nós recibimos unha pequena comisión que nos axuda a manter este proxecto.
