Oppo adiantaba hai unha semana o seu novo smartphone OPPO Find X9 Ultra, que agora vén de ser presentado de maneira oficial. Trátase do novo buque insignia da marca, que lonxe de quedar nun “simple” teléfono, aspira a substituír as nosas cámaras.
Baixo o lema “Your Next Camera”, a compañía aposta por un dispositivo que leva a fotografía e o vídeo móbil a un novo nivel, cunha combinación de hardware, software e accesorios que o sitúan entre os lanzamentos máis ambiciosos do ano.
Sistema fotográfico Hasselblad Master
O gran protagonista é, sen dúbida, o seu sistema fotográfico. O Find X9 Ultra integra o novo sistema Hasselblad Master, resultado de anos de colaboración coa firma Hasselblad, e composto por cinco cámaras traseiras que traballan de forma conxunta.
A gran innovación está no teleobxectivo de 50 MP con zoom óptico 10x real, algo inédito na industria, que permite achegarse á escena sen perder calidade. Grazas a unha complexa estrutura de prisma quíntuple, OPPO conseguiu introducir esta óptica nun corpo de smartphone, mantendo controlada a dispersión da luz e garantindo imaxes nítidas mesmo a grandes distancias.

A isto súmase unha cámara principal de 200 MP cun sensor de gran tamaño e unha apertura moi luminosa, acompañada dun segundo teleobxectivo tamén de 200 MP con zoom 3x que destaca especialmente en condicións de pouca luz e en fotografía macro.
O conxunto complétase cun ultra gran angular de 50 MP e un sensor multiespectral que mellora a fidelidade de cor. O resultado é un rango focal enorme, que vai desde gran angular ata teleobxectivo extremo, permitindo cubrir practicamente calquera situación fotográfica cun único dispositivo.
Máis alá do hardware, OPPO tamén puxo o foco na experiencia de uso. O novo modo mestre de Hasselblad busca afastarse do procesado agresivo típico dos smartphones, ofrecendo imaxes máis naturais, con mellor rango dinámico e maior control creativo. As usuarias poden disparar en alta resolución tanto en JPEG como en RAW e traballar con diferentes distancias focais como se estivese diante dunha cámara profesional. Ademais, inclúense simulacións de película e opcións de personalización que reforzan esa idea de ferramenta creativa.

Para quen queira ir un paso máis alá, OPPO presenta tamén un ecosistema de accesorios profesionais, co Hasselblad Earth Explorer Kit como gran reclamo. Este inclúe unha funda con botón físico de disparo e control de zoom, así como un teleconvertidor que leva o alcance óptico aínda máis lonxe, achegando a experiencia dun equipo fotográfico tradicional ao formato móbil.

No apartado de vídeo, o Find X9 Ultra mantén o mesmo nivel de ambición. Permite gravar en 4K con Dolby Vision, en 4K a 120 fps e mesmo en 8K, mantendo calidade ao facer zoom. A incorporación de perfís profesionais como O-Log2, compatibilidade con fluxos ACES e soporte para LUTs sitúano nunha liga moi pouco habitual en smartphones, pensada claramente para creadoras de contido máis avanzados. Ademais, a colaboración con Meta busca mellorar a calidade do vídeo ao compartilo en redes como Instagram, reducindo a compresión habitual.
Un hardware á altura
Máis aló da fotografía, a pantalla AMOLED de 6,82 polgadas ofrece resolución QHD+, unha taxa de refresco de 144 Hz e un brillo elevado, garantindo unha experiencia visual de primeiro nivel. No interior, o procesador Qualcomm Snapdragon 8 Elite Gen 5 asegura potencia suficiente para calquera tarefa, desde edición de vídeo ata xogos esixentes, mentres que o sistema de refrixeración permite manter o rendemento de forma sostida.

A batería tamén destaca, con 7.050 mAh e tecnoloxía silicio-carbono, o que permite unha gran autonomía sen aumentar excesivamente o tamaño do dispositivo. A isto súmanse a carga rápida de 100 W e a carga sen fíos de 50 W, que permiten recuperar enerxía en moi pouco tempo.

No deseño, OPPO aposta por unha estética claramente inspirada no mundo da fotografía. A traseira en coiro vegano, o módulo de cámara con detalles que lembran ás lentes profesionais e acabados como Tundra Umber ou Canyon Orange reforzan esa identidade diferencial. Ademais, a construción inclúe protección avanzada contra auga e po, pensada para un uso máis esixente.

A nivel de software, o Find X9 Ultra chega con ColorOS 16, que introduce novas funcións baseadas en intelixencia artificial para mellorar a produtividade e a organización do contido. Ferramentas como Live Space ou AI Mind Space buscan facer máis sinxelo o uso diario, mentres que outras como a tradución visual de menús están pensadas para situacións concretas como viaxes.
Dispoñibilidade e prezo
O OPPO Find X9 Ultra xa está dispoñible en España cun prezo de 1.699 euros, acompañado dunha campaña de lanzamento na tenda oficial con descontos e agasallos que inclúen desde accesorios ata dispositivos do ecosistema OPPO.
- 100 € de desconto pola reserva do dispositivo
- 100 € adicionais no programa de intercambio de dispositivos.
- Regalo asegurado: funda magnética OPPO Find X9 Ultra Quicksand Shimmer (valorada en 39,90 €)
- Regalo a escoller: kit de imaxe Hasselblad Limited (599 €) ou OPPO Pad 5 (399 €) ou OPPO Watch X3 Titanium (379 €) ou OPPO Enco Clip 2 gris (179 €) ou kit de adaptador de corrente Supervooc de 100 W (59,90 €).
- 2 meses de subscrición a Google AI Pro
Unha proposta completa que non só busca competir na gama alta, senón tamén redefinir o que esperamos dun smartphone.
