A presentación do OPPO Find X9 Ultra non chegou soa. A compañía chinesa aproveitou o lanzamento do seu novo buque insignia centrado na fotografía para amosar unha visión moito máis ampla: un ecosistema completo de dispositivos conectados pensado para acompañar ás usuarias en todos os momentos do día. Así, xunto ao smartphone, tamén debutan o smartwatch OPPO Watch X3, a tablet OPPO Pad 5 e os auriculares OPPO Enco Clip2.
Este movemento encaixa coa estratexia de OPPO de competir cun ecosistema integrado, como o que teñen a meirande parte dos fabricantes actuais, e no que produtividade, saúde, entretemento e creatividade conviven baixo unha mesma experiencia.
Un smartwatch premium que aposta pola autonomía e o deseño
O novo OPPO Watch X3 chega como o complemento ideal do Find X9 Ultra para quen busca un reloxo intelixente avanzado pero tamén elegante. Fabricado en titanio de grao aeroespacial, destaca pola súa lixeireza (apenas 43 gramos) e un deseño refinado que o achega máis a un reloxo tradicional que a un gadget tecnolóxico.

Un dos seus puntos máis fortes é a autonomía, na que ofrece até 5 días en uso normal e até 16 días en modo aforro, grazas a unha batería de silicio-carbono e a unha arquitectura de dobre chip que optimiza o consumo sen sacrificar rendemento. A isto súmase un completo sistema de saúde, con funcións como ECG, análise do sono e un chequeo rápido de 60 segundos que ofrece unha visión global do estado físico.
Con Wear OS como sistema operativo, o Watch X3 integra apps como Google Maps, Wallet ou Gemini, reforzando esa idea de continuidade co smartphone.

OPPO Pad 5: produtividade e entretemento con IA
En canto á tablet, a OPPO Pad 5 aposta por converterse nunha ferramenta versátil para estudar, traballar e consumir contido. A súa pantalla de 12,1 polgadas con resolución 2.8K e formato 7:5 ofrece unha experiencia máis próxima a un libro, ideal para lectura e multitarefa.

A batería de máis de 10.000 mAh garante longas sesións de uso, mentres que o sistema de catro altofalantes e o soporte para Dolby Vision elevan o nivel no apartado multimedia. Pero onde realmente quere marcar diferenzas é na produtividade: a integración de IA permite resumir textos, mellorar a escritura ou xerar contidos de forma automática.

Co stylus OPPO Pencil 2R, a tablet convértese nun caderno dixital avanzado, con funcións como conversión de escritura a texto ou organización intelixente de notas. Ademais, a conectividade multiplataforma facilita o traballo entre dispositivos, incluso con iOS ou PC.

Enco Clip2: deseño aberto e son de alta gama
No apartado de audio, os OPPO Enco Clip2 apostan por un formato aberto tipo clip que combina comodidade e seguridade, ideal para uso diario. Cun peso de só 5,2 gramos por auricular e un deseño con memoria de forma, buscan pasar desapercibidos durante horas de uso.

A nivel sonoro, destacan pola colaboración con Dynaudio, que garante unha afinación equilibrada e precisa. A configuración de dobre driver e DAC independente permite unha mellor separación de frecuencias, con graves profundos e agudos limpos.

Tamén incorporan funcións intelixentes como tradución en tempo real, control por xestos ou conexión simultánea a dous dispositivos, reforzando a súa utilidade máis alá do simple consumo musical.
Un ecosistema pensado para acompañar ao Find X9 Ultra
A clave de todos estes lanzamentos está na súa integración co OPPO Find X9 Ultra. O smartphone actúa como núcleo dun ecosistema no que o reloxo monitoriza a saúde, a tablet potencia a produtividade e os auriculares melloran a experiencia multimedia e as comunicacións.

Todos estes dispositivos comparten unha mesma filosofía: aproveitar a intelixencia artificial e a conectividade para ofrecer unha experiencia fluída e continua. Desde compartir ficheiros ao instante ata sincronizar tarefas ou acceder á rede móbil desde a tablet, todo está pensado para reducir friccións no día a día.
