A aplicación de mensaxería instantánea máis empregada do mundo, WhatsApp, comeza a introducir un modelo de subscrición en Europa coa chegada de WhatsApp Plus. Trátase dunha opción de pago que promete máis personalización, novas funcións e contido exclusivo.
Segundo as primeiras filtracións e capturas compartidas polas usuarias en redes sociais, WhatsApp Plus terá un prezo de 2,49 € ao mes en Europa. Un movemento co que Meta quere dar un paso cara a monetización da plataforma, combinando esta nova subscrición coa futura chegada de anuncios.
Polo que parece, a propia aplicación amosa a cada usuaria unha pantalla explicativa coas novidades ao abrir WhatsApp, detallando as vantaxes -e tamén as condicións- da subscrición.

WhatsApp Plus: personalizacións e funcións para o día a día
O principal atractivo de WhatsApp Plus é a personalización. Por primeira vez de maneira oficial, as usuarias poden cambiar completamente o aspecto da aplicación, con até 18 cores diferentes para a interface.

Ademais, ofrécese a posibilidade de mudar a icona da aplicación, incluíndo o popular WhatsApp azul, e novos estilos visuais máis modernos.

Por outra banda, as subscritoras de WhatsApp Plus terán acceso a stickers exclusivos e de alta calidade, que inclúen efectos visuais avanzados e mesmo nalgún caso poden ocupar toda a pantalla. Estes stickers poden enviarse a calquera outra usuaria da aplicación, aínda que só aquelas que teñan a opción de pago poderán descargalos e usalos de maneira completa.

Máis aló da estética, WhatsApp Plus tamén introduce funcións pensadas para facilitar o día a día. Entre estas están a posibilidade de fixar até 20 chats

Outra diferenza é a edición masiva de conversa. Isto permite, por exemplo, cambiar tons de varios chats á vez. Ademais, coméntase que tamén ofrece unha mellor organización dos grupos e contactos, se ben até o de agora non trascendeu como.

O papel da versión gratuíta
Unha das preocupacións da comunidade ao abeiro do lanzamento do modelo de subscrición é como queda a versión estándar de WhatsApp. Meta asegurou que as funcións básicas que se veñen empregando continuarán sendo de balde, polo que non será necesario pagar nada para manter o servizo.
Tampouco mudará en cuestión de seguridade. O cifrado extremo a extremo e todo o relativo á privacidade seguirá activo para todas as usuarias, con independencia de que pasen ou non por caixa.
Polo tanto, a priori, semella que pagar pola subcrición de WhatsApp Plus será nunha cuestión a valorar segundo o uso que fagamos do servizo. Estamos certas de que aquelas persoas que fagan un uso moi intensivo desta ferramenta poderán ver este plan atractivo, mais para a meirande parte das usuarias o plan gratuíto seguirá a ser a referencia.
