Samsung mellora o escáner de documentos, que chega a novos dispositivos con One UI 8.5

Samsung segue apostando por alongar a vida útil dos nosos dispositivos máis alá do lanzamento inicial. A compañía surcoreana prepara unha actualización moi interesante para os seus móbiles Galaxy, coa chegada de novas funcións aos móbiles anteriores aos Galaxy S26. Entre estas novidades está a nova función de escáner de documentos, que debutará nos modelos máis recentes pero que tamén dará o salto a xeracións anteriores grazas a One UI 8.5.

Trátase dun cambio moi relevante no día a día, especialmente para eses momentos nos que necesitamos dixitalizar documentos, grazas á evolución do escáner integrado na cámara. Até o de agora, moitos dispositivos Galaxy permitían capturar varias imaxes dun documento, pero non sempre era cómodo organizalas nun único arquivo.

Co novo sistema, será posible escanear varias páxinas e gardalas directamente nun só PDF, sen necesidade de apps externas nin pasos adicionais. Un avance práctico que simplifica tarefas como enviar contratos, apuntes ou facturas.

Na práctica, ademais, funciona realmente ben. O escáner intégrase directamente na cámara, detecta automaticamente os bordes do documento e aplica unha limpeza da imaxe para mellorar o contraste e a lexibilidade. O resultado son arquivos sen sombras nin deformacións, listos para compartir sen ter que editalos despois.

Ademais, Samsung mellora a accesibilidade desta función. O escáner poderá engadirse como atallo na pantalla de inicio ou no caixón de aplicacións, evitando ter que navegar polos menús da cámara cada vez que se queira usar.

Estes son os Galaxy que recibirán esta función

Segundo a información dispoñible, esta mellora chegará inicialmente a varios modelos de gama alta máis recente, que inclúe a serie Galaxy S25 (S25, S25+, S25 Ultra e S25 Edge), ademais dos encartábeis Galaxy Z Fold7 e Galaxy Z Flip7.

A compañía xa confirmou que One UI seguirá expandíndose a máis dispositivos co paso do tempo, aínda que non todos os modelos máis antigos teñen garantido recibir esta funcionalidade concreta.

Este movemento encaixa coa estratexia de Samsung de non limitar as novidades aos dispositivos máis novos. Funcións que antes eran exclusivas de modelos punteiros están chegando progresivamente a máis usuarias.

Sobre o autor

Reply