Primeiras filtracións do vivo X500 Pro Max, un móbil que apunta moi alto en fotografía

A nova xeración de smartphones de vivo xa comeza a deixar pistas, e todo apunta a que a marca quere subir aínda máis o nivel na gama alta. As primeiras filtracións sobre a serie X500 revelan detalles interesantes, especialmente a da existencia dun posible modelo estrela: o vivo X500 Pro Max.

Segundo as filtracións, vivo podería cambiar a súa estratexia coa serie X500 introducindo unha versión Pro Max, algo que non vimos en xeracións anteriores como a do vivo X300 Pro. Se se confirman estes datos, estaríamos ante un dos móbiles máis ambiciosos do ano, con especial foco na fotografía e nas pantallas de gran formato.

A nova familia estaría composta por varios modelos con diferentes tamaños de pantalla, o que indica unha aposta clara por cubrir distintos perfís de usuarias. Fálase de dispositivos con paneis arredor das 6,4 e 6,9 polgadas, aínda que outras fontes apuntan a medidas moi próximas, como 6,37 e 6,83 polgadas con tecnoloxía LTPO OLED. Ademais, tamén podería haber unha variante intermedia cunha pantalla de 6,59 polgadas, ampliando aínda máis as opcións dentro da gama.

Melloras notables en fotografía

En calquera caso, onde vivo parece querer marcar a diferenza é na fotografía. O vivo X500 Pro Max chegaría cun sistema de cámaras moi ambicioso, encabezado por un sensor principal de 50 MP con tecnoloxía LOFIC, pensada para mellorar o rango dinámico e o rendemento en condicións de luz complexas.

Pero o máis chamativo estaría no teleobxectivo: un sensor periscópico de 200 MP, algo pouco habitual mesmo nas gamas máis altas. Este tipo de configuración permitiría un zoom de alta calidade mantendo detalle e nitidez.

A isto sumaríase un sensor multiespectral, unha tecnoloxía que pode mellorar a precisión da cor e ofrecer resultados máis realistas, especialmente en fotografía profesional.

Un lanzamento esperado para finais de 2026

Por agora, vivo non confirmou oficialmente estes datos, pero todo apunta a que a nova serie X500 será presentada ao longo da segunda metade de 2026.

Ata entón, é probable que sigan aparecendo novas filtracións que concreten aspectos como o procesador, a batería ou o deseño final.

Sobre o autor

Reply