OpenAI volve mover ficha no ámbito da intelixencia artificial cunha das actualizacións máis ambiciosas dos últimos meses. A compañía presentou oficialmente ChatGPT Images 2.0, unha nova versión do seu xerador de imaxes que promete resultados moito máis realistas, precisos e versátiles.
Este lanzamento chega pouco despois doutras novidades clave da compañía, consolidando a súa aposta por integrar capacidades avanzadas de creación visual directamente en ChatGPT.
Imaxes máis realistas e fieis ao que pedimos
Un dos grandes avances de ChatGPT Images 2.0 é a súa capacidade para xerar imaxes ultrarrealistas cun nivel de detalle moi superior ao visto ata agora. Grazas ao novo modelo GPT Image 2, a ferramenta entende mellor as instrucións das usuarias e respecta con maior precisión os elementos clave de cada petición.
Isto tradúcese en resultados máis coherentes, tanto en composición como en estilo. A IA non só crea imaxes máis atractivas, senón que tamén mantén mellor os detalles ao longo de distintas xeracións, algo fundamental para proxectos creativos.
Outra das grandes novidades é a integración de capacidades de razoamento. Cando se activa este modo, a ferramenta é capaz de analizar información, buscar datos na web e mesmo interpretar arquivos subidos pola usuaria antes de xerar a imaxe.

Este enfoque permite crear contidos máis elaborados, como explicacións visuais, escenas complexas ou representacións detalladas a partir de datos reais. Non se trata só de xerar imaxes bonitas, senón de construír narrativas visuais con sentido.

Ata 8 imaxes coherentes nunha soa petición
ChatGPT Images 2.0 tamén introduce tamén a posibilidade de xerar ata oito imaxes simultaneamente mantendo coherencia visual entre elas. Isto abre a porta a novos usos como a creación de historias tipo manga, coleccións gráficas para redes sociais ou mesmo a planificación visual de espazos, mantendo as mesmas personaxes, estilos ou elementos en todas as escenas.

A nivel técnico, a ferramenta tamén mellora de forma notable. Agora é capaz de xerar imaxes en resolución de ata 2K e admite unha ampla variedade de formatos, desde panorámicos (3:1) ata verticais extremos (1:3).

Outro dos puntos fortes é a mellora na representación de texto dentro das imaxes, un dos grandes retos históricos da IA. ChatGPT Images 2.0 consegue resultados máis precisos non só en linguas occidentais, senón tamén en idiomas como xaponés, chinés ou hindi.
Unha ferramenta pensada para creadores
Con esta actualización, OpenAI reforza a súa aposta por converter ChatGPT nunha plataforma creativa integral. ChatGPT Images 2.0 non está pensado só para experimentar, senón para producir contido útil en ámbitos como o deseño, o marketing ou a comunicación.
Ademais, estas capacidades xa están dispoñibles para usuarias de plans avanzados, o que facilita o seu uso en contextos profesionais.
