R emitirá todo o Mundial 2026 con DAZN: 104 partidos sen custo adicional

O operador galego R, pertencente ao grupo MasOrange, vén de anunciar un acordo con DAZN para ofrecer a Copa do Mundo da FIFA 2026 completa a través da súa televisión. Un movemento estratéxico que reforza a súa proposta deportiva e que permitirá seguir todos os partidos do Mundial sen pagar máis.

En concreto, as usuarias que teñan contratado DAZN LALIGA con R poderán acceder aos 104 encontros da competición a través dunha nova canle liñal específica de DAZN, dedicada en exclusiva ao torneo. Todo iso sen custo adicional, algo especialmente relevante tendo en conta a dimensión desta edición.

Un Mundial máis grande ca nunca

A Copa do Mundo da FIFA 2026 marcará un antes e un despois na historia da competición. Disputarase entre o 11 de xuño e o 19 de xullo en tres países: Estados Unidos, Canadá e México, cun total de 16 estadios como escenario.

Pero o gran cambio está no formato: por primeira vez participarán 48 seleccións, fronte ás 32 habituais, organizadas en 12 grupos de catro equipos. Isto tradúcese en máis partidos e unha competición moito máis aberta.

A Selección española de fútbol estará presente no grupo H e xa ten calendario confirmado para a fase de grupos. Os seus partidos tamén se poderán ver a través da televisión de R con DAZN:

  • 15 de xuño: España vs Cabo Verde (Atlanta, 18:00 h)
  • 21 de xuño: España vs Arabia Saudita (Atlanta, 18:00 h)
  • 27 de xuño: Uruguai vs España (Guadalaxara, 02:00 h)

Todos eles coa máxima calidade de imaxe e son, algo clave nun evento deste nivel.

Máis fútbol na oferta de R

A chegada do Mundial reforza unha oferta deportiva xa bastante completa. A operadora recorda que as súas usuarias poden acceder tamén a contidos como LaLiga EA Sports a través de DAZN, con varios partidos por xornada, ademais de LaLiga Hypermotion (Deportivo da Coruña) e a Primeira RFEF, que inclúe equipos galegos como o Racing de Ferrol, Pontevedra CF ou o Celta Fortuna.

Ademais, quen dispoñan do plan premium de DAZN tamén poderán seguir todo o Mundial directamente desde a app, o que amplía aínda máis as opcións de consumo.

Con este acordo, R dá un paso importante para competir nun mercado cada vez máis centrado nos dereitos deportivos e no streaming. A integración de DAZN como socio estratéxico permítelle ofrecer eventos de primeiro nivel sen obrigar ás usuarias a contratar servizos adicionais fóra da súa plataforma.

Sobre o autor

Reply