O mercado das tablets ten propostas para todo tipo de usuarias, pero poucas son tan específicas como a nova Tank Pad Ultra. Este modelo rompe co concepto tradicional ao apostar por unha combinación de resistencia extrema, ferramentas profesionais e funcionalidades pouco habituais nun dispositivo deste tipo. O resultado é unha tablet pensada directamente para quen traballa en exteriores e precisa algo máis ca unha simple pantalla.
A proposta vai moito máis alá dunha tablet robustecida ao uso. Aquí non só atopamos un dispositivo resistente con boa autonomía, senón un auténtico “todo en un” que integra elementos que normalmente poderíamos levar por separado: proxector, medidor láser, cámara de visión nocturna e conectividade avanzada.
Unha tablet con proxector integrado de até 120 polgadas
Un dos elementos máis chamativos da Tank Pad Ultra é o seu proxector DLP integrado. É capaz de ofrecer unha imaxe en resolución 1080p cun tamaño de ata 120 polgadas, cun brillo de 260 lúmenes e enfoque automático entre 0,5 e 4 metros.
Non está pensado para competir cos proxectores domésticos de gama alta, pero si para algo moito máis práctico: facer presentacións improvisadas, ensinar planos ou compartir contido en calquera lugar sen depender de outros dispositivos.

Pensando máis aló do ocio, esta funcionalidade encaixa especialmente ben en ámbitos como a construción, a enxeñaría ou a formación en campo, onde a mobilidade é clave.
Ferramentas profesionais nun só dispositivo
A Tank Pad Ultra non se queda só no proxector. Integra tamén un telémetro láser con alcance de até 4 metros, capaz de medir distancias, áreas e volumes directamente desde a tablet. Isto convértea nunha ferramenta útil para medicións rápidas sen necesidade de equipos adicionais.
No apartado fotográfico incorpora unha cámara principal de 50 MP, unha frontal de 32 MP e unha cámara de visión nocturna de 64 MP con LED infravermellos. Esta última está claramente orientada a tarefas de inspección ou traballos en condicións de pouca luz.
No interior, a tablet aposta polo procesador MediaTek Dimensity 8200, acompañado de configuracións que poden chegar ata os 32 GB de RAM (incluíndo memoria virtual) e 512 GB de almacenamento ampliable mediante microSD. Unha combinación máis que suficiente para tarefas esixentes no día a día.
A conectividade tamén está á altura, con soporte para 5G e Wi-Fi 6, algo clave para profesionais que precisan traballar conectados en mobilidade.
Porén, se hai algo que define esta tablet é a súa autonomía. Cunha batería de 23.400 mAh, promete varios días de uso en condicións normais, aínda que funcións como o proxector poden reducir esa duración. A carga rápida de 66 W axuda a compensar este punto, reducindo os tempos de espera.
No apartado físico, conta con certificacións IP68 e IP69K, resistencia a golpes e elementos adicionais como luces de camping integradas. Iso si, todo ten un prezo: supera os 1,3 kg de peso, polo que non é precisamente un dispositivo pensado para levar comodamente no día a día.
Unha proposta diferente dentro do mercado
A Tank Pad Ultra non é unha tablet para todo o mundo, e tampouco pretende selo. O seu enfoque é principalmente para profesionais que necesitan ferramentas específicas nun único dispositivo e que valoran a resistencia por enriba do deseño ou a portabilidade.
Con un prezo arredor dos 550 euros ao cambio, sitúase nun punto interesante tendo en conta todo o que ofrece. Para quen realmente vaia aproveitar o seu potencial, pode substituír varios dispositivos á vez e simplificar moito o traballo no campo.
