Vodafone estrea o 5G Standalone en Murcia, sen información sobre futuros despregamentos

Vodafone acaba de dar un paso importante na evolución da súa rede móbil ao activar o 5G Standalone (5G SA) na cidade de Murcia. Trátase dunha actualización clave que leva a tecnoloxía 5G ao seguinte nivel, permitindo unha infraestrutura completa de extremo a extremo baseada nun núcleo 5G propio.

Coa posta en marcha desta rede, o 100% dos emprazamentos 5G de Vodafone na cidade pasan a funcionar conectados ao core 5G estatal, completando así unha arquitectura máis avanzada e preparada para os novos servizos dixitais.

As melloras do 5G SA

O salto ao 5G SA supón moito máis que unha mellora de velocidade. Esta tecnoloxía introduce novas capacidades como o network slicing, que permite crear subredes específicas para distintos usos, unha mellor calidade de servizo e unha redución notable da latencia, que en condicións ideais pode situarse por debaixo dos 10 milisegundos.

Isto abre a porta a novos escenarios de uso en ámbitos como a mobilidade conectada, a industria, a sanidade ou a administración pública. Por exemplo, sería posible despregar redes dedicadas para servizos de emerxencia como bombeiros ou policía, con maior fiabilidade e prioridade de conexión.

Vodafone acelera, pero chega máis tarde

Malia a importancia deste avance, o movemento tamén deixa entrever que Vodafone vai con certo atraso respecto doutros grandes operadores do mercado como MasOrange e Movistar, que levan tempo apostando de forma máis decidida polo despregamento de redes 5G Standalone en diferentes territorios.

Até o de agora, só tiveramos coñecemento dun despregamento no ámbito das redes privadas. Porén, neste contexto, a activación en Murcia supón un paso necesario para non quedar atrás nunha carreira tecnolóxica que será clave nos vindeiros anos.

Polo momento, non hai información sobre un posible despregamento desta tecnoloxía en Galiza por parte de Vodafone. Unha ausencia relevante, especialmente tendo en conta a importancia destas infraestruturas para o desenvolvemento dixital do territorio e a aposta que están a facer os outros dous grandes operadores con rede propia.

Sobre o autor

Reply