As operadoras presionan a Bruxelas para frear a subida do alugueiro da fibra de Telefónica

Un total de doce operadores alternativos uniron forzas para pedir á Comisión Europea que evite unha posible subida no alugueiro das infraestruturas de fibra de Telefónica, unha medida que podería ter consecuencias directas tanto para a competencia como para o prezo final que pagan oas usuarias.

No centro do debate está a chamada oferta MARCo (Maiorista de Acceso a Rexistros e Condutos), unha regulación creada a finais dos anos 2000 pola CNMC que obrigaba a Telefónica a compartir a súa infraestrutura física (condutos, arquetas e postes) con outras operadoras. Grazas a este sistema, compañías como Vodafone, Orange ou Digi puideron despregar as súas propias redes de fibra sen ter que construír toda a infraestrutura desde cero.

Este modelo foi clave para fomentar a competencia e acelerar o despregamento da fibra óptica en todo o Estado, especialmente en zonas onde doutro xeito sería inviable economicamente.

O temor do sector: prezos sen control

Nos últimos anos, a CNMC foi relaxando as obrigas impostas a Telefónica. Primeiro eliminouse a regulación NEBA, que permitía usar a súa rede de fibra de forma indirecta, e agora estase estudando facer o mesmo coa oferta MARCo.

Isto suporía pasar dun sistema de prezos regulados a outro baseado en acordos libres entre empresas, algo que non gustou no sector. Operadores como MásOrange, Vodafone, Adamo ou Avatel, xunto con redes neutras como Onivia ou Lyntia, temen que sen regulación Telefónica poida subir prezos aproveitando a súa posición dominante na infraestrutura.

E é que este negocio xera arredor de 70 millóns de euros anuais para a compañía, unha cifra que podería aumentar significativamente nun escenario sen control de tarifas.

Carta a Bruxelas: petición de intervención europea

Ante esta situación, doce operadoras españolas enviaron unha carta á Comisión Europea solicitando que a futura Lei de Redes Dixitais (DNA) garanta o acceso regulado ás infraestruturas físicas. O obxectivo é evitar un posible encarecemento que, segundo o sector, podería frear a competencia e impactar negativamente no desenvolvemento das telecomunicacións.

As asociacións de operadores locais tamén se sumaron á petición, lembrando que boa parte da infraestrutura de Telefónica foi construída durante a súa etapa como monopolio público e que, na práctica, xa está amortizada. Por iso, consideran que non hai xustificación para unha eventual subida de prezos.

Un mercado en xogo

A decisión que tome Bruxelas será clave para o futuro do sector. Se se elimina a regulación, podería abrirse unha nova etapa marcada por negociacións privadas e posibles tensións entre operadores. Pola contra, manter un sistema regulado garantiría estabilidade e continuidade no modelo actual.

En calquera caso, o que está en xogo vai máis alá das empresas: afecta directamente ao ritmo de expansión da fibra, á competencia real no mercado e, en última instancia, ao prezo e calidade do servizo que reciben millóns de usuarias.

Sobre o autor

Reply