Google Wallet amplía os pasaportes dixitais en Android

Google Wallet segue avanzando no seu obxectivo de converter o móbil nunha carteira dixital completa. A aplicación acaba de ampliar a compatibilidade cos pasaportes dixitais en Android, engadindo tres novos países á lista: Brasil, Singapur e Taiwán.

Este movemento reforza unha tendencia clara: a dixitalización dos documentos de identidade, que cada vez gaña máis peso tanto en viaxes como no día a día.

Como funciona o pasaporte dixital en Google Wallet

A integración do pasaporte en Google Wallet permite gardar unha versión dixital do documento directamente no móbil. O proceso de configuración está pensado para garantir a seguridade e require varios pasos.

Primeiro, hai que fotografar a páxina de datos do pasaporte. Despois, o sistema pide escanear o chip de seguridade integrado no documento mediante NFC, unha tecnoloxía que permite ler a información almacenada de forma segura. Por último, a usuaria debe gravar un pequeno vídeo selfie para verificar a súa identidade.

Unha vez completado o proceso, o pasaporte queda almacenado na conta de Google e pode utilizarse como identificación dixital en contextos compatibles.

Un paso máis cara á carteira dixital universal

A aposta de Google encaixa nunha estratexia máis ampla: integrar documentos, pagos e credenciais nun único espazo. A idea é que o smartphone substitúa progresivamente elementos físicos como tarxetas ou documentos oficiais.

Iso si, polo momento existen limitacións. Só se pode engadir un documento de identidade por conta e o uso real destes pasaportes dixitais depende das autoridades e dos sistemas de verificación de cada país.

O DNI dixital vai por outro camiño

Mentres Google avanza coa súa solución,no Estado español tamén se está a dar o salto ao documento dixital co DNI electrónico. Porén, o enfoque é diferente.

O DNI dixital xa se pode utilizar, pero de momento funciona exclusivamente a través da súa aplicación oficial, sen integración directa en plataformas como Google Wallet. Isto limita a súa comodidade e uso, xa que obriga a empregar unha app específica en lugar de centralizar todo nunha carteira dixital.

Dous modelos en paralelo

A situación actual amosa dous modelos distintos. Por unha banda, o das grandes tecnolóxicas como Google, que buscan crear ecosistemas globais onde todos os documentos convivan nunha mesma aplicación. Pola outra, o das administracións públicas, que priorizan o control e a seguridade mediante solucións propias.

O reto nos próximos anos será ver se ambos camiños converxen. A integración de documentos oficiais en plataformas amplamente utilizadas podería facilitar moito a experiencia das usuarias, pero tamén abre debates sobre privacidade, control de datos e dependencia de terceiros.

Sobre o autor

Reply