Unha actualización da normativa permite a Starlink multiplicar por 7 a velocidade da Internet por satélite

A internet por satélite está a vivir un momento clave, e Starlink acaba de dar un paso adiante que pode cambiar as regras do xogo. O servizo impulsado por SpaceX comezou a ofrecer velocidades moito máis altas tras unha recente actualización normativa, permitindo multiplicar o rendemento sen necesidade de instalar novo equipamento.

A mellora chega despois de que o regulador estadounidense, a Federal Communications Commission, aprobase unha modificación no uso do espectro satelital. Este cambio permite optimizar a capacidade da rede e, na práctica, aumentar ata sete veces a velocidade que poden acadar as usuarias

O máis interesante é que este salto non require cambios no hardware, de maneira que as usuarias actuais poden beneficiarse directamente destas melloras simplemente grazas á evolución da infraestrutura en órbita.

Primeiras probas: velocidades que sorprenden

Aínda que a actualización é recente, xa comezan a aparecer os primeiros resultados reais. Usuarias en diferentes plataformas, como foros e redes sociais, están a compartir capturas nas que se observan picos de velocidade moi por riba do habitual.

Nalgúns casos, estanse a rexistrar cifras de ata 600 Mbps de subida vía WiFi, algo completamente impensable ata agora para un servizo de internet por satélite. Outras usuarias tamén confirman melloras notables, o que apunta a un despregamento progresivo destas optimizacións.

Starlink xa non é só para zonas rurais

Durante anos, Starlink posicionouse como a solución ideal para áreas sen cobertura de fibra ou ADSL. Porén, este salto en rendemento cambia o panorama: cada vez máis usuarias comezan a velo como unha alternativa real ás conexións tradicionais.

O crecemento global da compañía reforza esta tendencia. A comezos de 2026, Starlink xa superaba os 10 millóns de usuarias en todo o mundo, consolidándose como un dos servizos de conectividade máis relevantes da actualidade.

Novas tarifas e descontos para captar usuarias

Este avance técnico chega acompañado dunha estratexia comercial agresiva. A compañía lanzou recentemente novas tarifas e ampliou promocións, chegando a ofrecer acceso ao servizo desde apenas 10 euros ao mes en determinadas condicións.

Inicialmente previstas ata finais de abril, estas ofertas prolongáronse ata o 12 de maio, nun claro intento de acelerar a captación de clientes nun momento clave para a empresa.

Sobre o autor

Reply