Google acaba de anunciar o lanzamento da nova Fitbit Air, unha pulseira de actividade completamente diferente ao habitual. O novo dispositivo aposta por un deseño ultralixeiro sen pantalla, unha gran autonomía e a integración da intelixencia artificial de Gemini para ofrecer recomendacións personalizadas de saúde e exercicio.
A gran novidade da Fitbit Air é a súa filosofía minimalista. Google elimina completamente a pantalla e aposta por un formato extremadamente compacto e discreto. A pulseira pesa apenas 12 gramos, converténdose no dispositivo máis lixeiro fabricado ata agora pola marca Fitbit.
As correas son intercambiábeis e estarán dispoñibles en diferentes materiais e acabados para personalizar o aspecto do dispositivo.

Até sete días de batería e seguimento da saúde
Outro dos apartados máis destacados é a autonomía. Segundo Google, a nova pulseira ofrece até sete días de uso cunha única carga. A batería pode cargarse en 90 minutos, algo especialmente práctico para usuarios que non queren depender do cargador constantemente.
Malia o seu tamaño reducido, a Fitbit Air incorpora sensores avanzados capaces de monitorizar continuamente a actividade física diaria, a frecuencia cardíaca, a calidade do sono e o descanso nocturno.
Google asegura que o dispositivo foi deseñado para ofrecer medicións máis precisas e constantes ao estar pensado especificamente para levar sempre posto.
Gemini convértese no teu adestrador persoal
Un dos grandes atractivos desta nova pulseira é a integración de Gemini dentro do servizo Google Health Premium. A compra inclúe coa compra tres meses gratuítos desta plataforma, que funciona como un asistente persoal de saúde impulsado por IA.
O sistema pode crear rutinas de exercicio personalizadas, analizar hábitos de sono e ofrecer recomendacións adaptadas ás usuarias tendo en conta lesións, cambios horarios ou evolución física.

Google busca así diferenciar Fitbit Air doutras pulseiras tradicionais apostando por unha experiencia máis intelixente e personalizada.
Prezo e dispoñibilidade
A pulseira xa pode reservarse na Google Store e chegará oficialmente o 26 de maio por 99,99 euros, estando dispoñíbel en catro cores: lavanda, gris néboa, framboesa e obsidiana.
Ademais, como promoción de lanzamento, coas reservas antes do 31 de maio recibiranse 45 € de saldo para gastar na tenda oficial de Google, que se poden gastar para adquirir outras correas ou produtos hardware de Google.

Con Fitbit Air, Google aposta por unha nova xeración de wearables máis discretos, lixeiros e centrados na intelixencia artificial, afastándose do concepto clásico de reloxo intelixente para ofrecer unha experiencia máis cómoda e enfocada no benestar diario.
