A lingua galega dá un novo paso no mundo dixital. O proxecto Rinodicionarios, impulsado por Rinoceronte Editora e TICGAL, xa está dispoñíbel en formato aplicación móbil para Android e iOS, levando ao peto das usuarias un dos recursos lingüísticos máis completos en galego.
A nova aplicación nace coa intención de facer máis accesíbel o coñecemento da lingua, permitindo consultar vocabulario, expresións e topónimos desde calquera lugar e en apenas uns segundos. Todo iso cunha interface moderna e, o mellor de todo: sen publicidade nin funcións de pago.
Máis de 27.000 entradas en galego
Rinodicionarios reúne unha enorme base de datos lingüística con máis de 27.000 entradas, 17.000 locucións e 2.500 topónimos, converténdose nunha ferramenta especialmente útil para o estudantado e profesorado, ademais de profesionais (tradutoras, xornalistas…) ou persoas que usan o galego no seu día a día.
A aplicación integra catro dicionarios nun único espazo: español-galego; latín-galego; dicionario etimolóxico e dicionario complementario.
O cambio entre eles faise cun só toque, facilitando unha experiencia rápida e intuitiva. Ademais, na configuración podemos seleccionar o dicionario predeterminado para un acceso directo máis áxil ao que vaiamos empregar con maior frecuencia.
Unha app pensada para aprender e usar galego
Un dos puntos fortes da aplicación é que non se limita a ser un simple buscador de palabras. Rinodicionarios incorpora varias funcións pensadas para mellorar a experiencia de uso e fomentar o emprego activo do galego.
Entre elas destacan a “palabra do día“, pensada en ampliar o vocabulario. Pero tamén hai un sistema de favoritos que permite gardar termos ou o acceso ao historial de buscas máis recentes, que, en todo caso, tamén se pode eliminar facilmente.
A interface está dispoñíbel en galego, castelán, inglés e latín. Así mesmo, pode configurarse un modo escuro para mellorar a visualización.
A aposta pola privacidade é outro dos aspectos diferenciais do proxecto, xa que a aplicación non realiza ningún tipo de rastrexo nin recompila información persoal das usuarias.

Un proxecto galego feito desde a sociedade civil
O lanzamento de Rinodicionarios tamén destaca polo seu carácter independente. Trátase dunha colaboración entre dúas empresas galegas realizada con recursos propios e sen apoio directo das administracións públicas.
Segundo explicou Óscar Beiro, CEO de TICGAL, o proxecto demostra “que a tecnoloxía e a lingua non son mundos separados“, destacando tamén que dúas empresas “sumen esforzos por iniciativa propia para impulsar a súa lingua da man da mellor tecnoloxía”.
E é que este proxecto busca democratizar o acceso ao coñecemento lingüístico e reforzar o uso do galego na tecnoloxía móbil, un ámbito no que aínda existen moitas carencias de recursos específicos.
Xa dispoñible gratis en Android e iOS
Rinodicionarios xa se pode descargar de balde tanto en Android como en iPhone, converténdose nunha das aplicacións máis interesantes para quen queira facer consultas sobre o galego desde o móbil.
Nun contexto no que cada vez máis ferramentas lingüísticas dependen de subscricións ou servizos na nube, a chegada dunha app gratuíta, completa e centrada na privacidade supón unha excelente noticia para o ecosistema dixital galego.
