Samsung non renuncia ao Galaxy Z TriFold: o seu móbil triplemente encartábel podería regresar con S Pen integrado

Samsung mantén a aposta polos móbiles encartábeis máis ambiciosos. Malia ter retirado o primeiro Galaxy Z Trifold (ao que nos achegamos no MWC) poucos meses despois do seu lanzamento, unha filtración apunta a que a compañía está traballando no seu sucesor.

As últimas informacións revelan que Samsung estaría explorando un novo deseño para o futuro Galaxy Z TriFold 2, incorporando unha das funcións máis demandadas polas usuarias máis premium da compañía: un compartimento integrado para o S Pen.

Un Galaxy Z TriFold con espazo para o S Pen

A filtración, compartida polo coñecido leaker @xleaks7, amosa unha serie de patentes conceptuais nas que aparece un dispositivo con dobre bisagra e unha solución bastante orixinal para gardar o stylus.

Segundo estas imaxes, o futuro Galaxy Z TriFold podería integrar o S Pen directamente nunha das bisagras do terminal, aproveitando un espazo que ata agora estaba desaproveitado neste tipo de dispositivos.

Con este cambio, daríase resposta á ausencia dun sistema interno para gardar o S Pen como teñen os modelos Ultra da serie Galaxy S. Esta é, precisamente, unha das principais queixas das usuarias dos modelos encartábeis da compañía, que teñen que recorrer a fundas especiais ou accesorios externos para poder desfrutar do icónico lapis de Samsung.

De ir adiante, esta nova idea solucionaría un dos principais inconvenientes da gama, especialmente nun dispositivo que, ao abrirse completamente, funciona practicamente como unha tablet. Ademais, a integración do stylus na bisagra tamén permitiría diferenciar o futuro Galaxy Z TriFold fronte á crecente competencia no mercado dos encartábeis avanzados.

Un deseño máis ambicioso e complexo

As imaxes filtradas amosan un smartphone cunha pantalla dividida en tres partes mediante dúas bisagras, mantendo a filosofía do primeiro Galaxy Z TriFold. O obxectivo de Samsung sería mellorar a experiencia multitarefa e produtividade nun dispositivo que combina móbil e tablet nun único formato.

Con todo, o reto técnico non é pequeno. Integrar o S Pen dentro da bisagra obrigaría á compañía a manter un equilibrio complicado entre resistencia estrutural, grosor do dispositivo, durabilidade do mecanismo de pregado e espazo interno para batería e os demais compoñentes

Samsung segue liderando a innovación nos encartábeis

A pesar de que o primeiro Galaxy Z TriFold tivo unha vida comercial moi curta, Samsung parece convencida de que o futuro dos smartphones pasa por formatos máis flexibles e versátiles.

Nos últimos meses tamén apareceron filtracións sobre pantallas holográficas para móbiles, novos Galaxy Ring, melloras avanzadas nos Galaxy Watch e pantallas encartábeis máis resistentes, polo que todo apunta a que a compañía coreana quere manter a súa posición como referente no segmento premium e experimental.

De momento é só unha patente

Por agora non hai confirmación oficial sobre o lanzamento deste novo Galaxy Z TriFold. As imaxes proceden de patentes e conceptos internos, polo que o deseño final podería cambiar completamente ou incluso non chegar nunca ao mercado.

Aínda así, o feito de que Samsung continúe rexistrando novas ideas arredor do seu móbil triplemente encartábel deixa claro que a compañía non abandonou o proxecto e que o concepto segue moi vivo dentro da súa estratexia de futuro.

Sobre o autor

Reply