Movistar Plus+ lanza o seu plan máis barato: cine e series por 4,99 euros ao mes

Nun contexto de subas constantes nos servizos de streaming malia toda a competencia que hai, Telefónica anuncia un novo plan económico para Movistar Plus+. A operadora acaba de estrear o “Plan Libre: Cine e Series“, unha nova subscrición que non ten permanencia e que custa só 4,99 euros ao mes, estando dispoñíbel para usuarias de calquera operadora.

Con este movemento, Movistar Plus+ busca competir directamente con outras plataformas de streaming low cost, ofrecendo acceso a películas, series, documentais e canles de televisión por menos de cinco euros mensuais.

O que inclúe o novo plan barato de Movistar Plus+

O novo “Plan Libre: Cine e Series” céntrase exclusivamente en contidos de entretemento, deixando fóra o deporte en directo, principal diferenza respecto ao plan completo da plataforma.

Por 4,99 euros ao mes, as usuarias que o contrante poden acceder a cine, series, documentais, programas de entretemento e 70 canles de televisións. Máis aló das xeralistas, nesta selección de canles atopamos algunhas como AXN, Warner TV, TCM, National Geographic, Discovery HD, CNN ou BBC News.

Movistar Plus+ continúa apostando polas súas producións propias e por contido internacional recoñecido. Entre os títulos destacados do catálogo á están Antidisturbios, La Mesías, Los años nuevos ou Outlander, ademais de películas recoñecidas como Sirat, do galego oliver Laxe, e outros títulos como Sorda, Maspalomas, Valor Sentimental ou Materialistas.

Sen permanencia e para usuarias de calquera operadora

Un dos aspectos máis atractivos deste novo plan é que, como o anterior, non require ser cliente de Movistar. Calquera usuaria con conexión a internet pode contratar o servizo desde a web oficial da plataforma e usar a aplicación en móbiles, tablets, Smart TV ou ordenadores.

Ademais non hai permanencia, polo que se pode cancelar en calquera momento, e permite dúas reproducións simultáneas e a descarga de contidos.

O deporte segue no plan de 9,99 euros

Aquleas usuarias que queiran acceder tamén ao deporte deberán seguir contratando o plan superior, chamado “Plan Libre: Cine, Series e Deporte”, que mantén o prezo de 9,99 euros ao mes.

Ese paquete inclúe a Liga e a Euroliga, ademais de competicións de tenis, rugby, golf, pádel e canles deportivas como Eurosport ou Vamos.

Así queda a oferta de Movistar Plus+

Co lanzamento deste novo paquete, a plataforma queda organizada en tres niveis:

  • Plan gratuito, con acceso limitado a determinados programas e contidos seleccionados.
  • Plan libre: cine e series (4,99 €/mes): cine, series, documentais, entretemento e canles de televisión.
  • Plan libre: cine, series e deporte (9,99 €/mes): todo anterior e deportes en directo.

Cómpre detacar que, máis aló destas opcións libres, tamén se pode desfrutar de Movistar Plus+ no catálogo de tarifas de Movistar e O2, a marca de baixo custe de Telefónica.

Sobre o autor

Reply