Hai un nicho de mercado nos móbiles que, sen facer moito ruído, continúa a medrar día tras día. E un dos fabricantes máis activos neste segmento é Lenovo, que xa prepara o regreso da súa gama máis agresiva. O futuro Lenovo Legion Y70 2026 acaba de filtrarse practicamente ao completo e apunta directamente a converterse nun dos teléfonos máis potentes e espectaculares do ano.
O novo terminal da familia Legion chegaría combinando potencia extrema, gran autonomía e refrixeracións avanzada (a terna habitual neste tipo de dispositivos), e engadiría ademais a resistencia contra auga e pó IP69, algo até o de agora moi raro nun smartphone gaming.
Pantalla AMOLED 2K e Snapdragon 8 Gen 5
Un dos apartados máis relevantes deste Lenovo Legion Y70 2026 será a súa pantalla. Segundo a filtración, o dispositivo apostará por un panel Q10 AMOLED LTPO con resolución 2K e unha taxa de refresco de 144 Hz.
A isto súmase unha frecuencia táctil de 360 Hz, compatibilidade con Dolby Vision, attenuación DC completa e un pico máximo de brillo de 7.000 nits.
Sobre o papel, estamos ante unha das pantallas máis avanzadas vistas nun móbil Android, especialmente pensada para xogos competitivos, consumo multimedia e uso en exteriores.
No interior non quedaría atrás. Como motor central tería o novo procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 5, o chip máis potente do ecosistema Android neste 2026, que estaría acompañado de memoria RAM LPDDR5X Ultra, almacenamento UFS 4.1 e un sistema de refrixeración con cámara de vapor de 5.500 mm².

Batería e cámaras
Porén, se hai algo que realmente chama a atención neste Lenovo Legion Y70 2026 é a súa batería. O terminal integraría unha capacidade de 8.000 mAh, unha cifra practicamente inédita nun smartphone gaming premium moderno.
Ademais, contará con carga rápida de 90W, carga bypass para xogar conectado sen degradar a batería e optimización térmica avanzada. Unha combinación que promete moitas horas de xogo sen depender constantemente do cargador, un dos principais problemas históricos deste tipo de dispositivos.
Tradicionalmente, os teléfonos gaming sacrificaban bastante o apartado fotográfico. Neste caso, Lenovo parece querer equilibrar mellor a experiencia. Segundo a filtración, o Legion Y70 2026 montaría un sensor principal Sony LYT-710 de 50 MP con OIS, cun ultra gran angular de 8 MP e un sensor auxiliar 2 en 1. A cámara frontal sería de 32 MP.
É evidente que non competirá cos grandes referentes fotográficos do mercado, pero sobre o papel debería ofrecer un rendemento máis que suficiente para a maioría de usuarias.
Resistencia IP69 e conectividade avanzada
Outro detalle moi rechamante é a súa resistencia física. O novo modelo contará con certificacións IP66, IP68 e IP69. Isto significa protección avanzada fronte a po, auga e chorros de alta presión, algo moi pouco común en smartphones gaming, onde normalmente prima máis o deseño agresivo que a durabilidade.
En canto á conectividade, disporá de dual eSIM, melloras na conectividade móbil, Wi-Fi optimizado para gaming e tecnoloxías de redución de latencia
Lanzamento inminente en China
Segundo a información filtrada, o dispositivo xa aparece listado na web oficial de Lenovo para reservas anticipadas en China, polo que a súa presentación oficial sería inminente.
Todo apunta ao 19 de maio como data de lanzamento inicial no mercado chinés, aínda que polo momento non hai detalles sobre unha posible chegada internacional. En todo caso, semella que habería dúas cores: Carbon Black e Ice Soul White.
Coa súa combinación de batería enorme, pantalla de alta calidade, Snapdragon de última xeración e resistencia IP69, o Lenovo Legion Y70 2026 podería converterse nun dos móbiles gaming máis completos do ano.
