TCL SQD-Mini LED: a nova xeración de televisores premium con até 10.000 nits e 20.000 zonas Mini LED

A compañía TCL vén de presentar oficialmente SQD-Mini LED, a súa nova arquitectura de imaxe desenvolvida por TCL CSOT que promete levar a experiencia audiovisual doméstica a un novo nivel. A tecnoloxía chega integrada nas novas series X11L, C8L e C7L, cunha aposta clara pola mellora do brillo, o contraste, o control da luz e a reprodución da cor.

Deste modo, a marca continúa consolidando a súa posición no mercado mundial das televisións premium. Segundo datos de Omdia, TCL é actualmente líder global en televisores Mini LED, televisores de gran formato de máis de 75 polgadas e modelos con Google TV.

A compañía destaca tamén pola súa integración vertical grazas a TCL CSOT, a división encargada do desenvolvemento e fabricación de paneis. Isto permítelle, segundo din, controlar todo o proceso, desde a creación do panel ata o procesado final da imaxe, acelerando a innovación e optimizando o rendemento visual.

Que é SQD-Mini LED?

A nova tecnoloxía SQD-Mini LED foi deseñada para mellorar de forma simultánea tres aspectos clave da experiencia visual: o control da iluminación, a precisión da cor e o procesamento da imaxe

O resultado é unha mellor profundidade nas escenas, negros máis precisos, menos halos luminosos e unha maior nitidez mesmo en contidos rápidos como deportes ou videoxogos.

Nas configuracións máis avanzadas da serie X11L, TCL asegura acadar máis de 20.000 zonas de atenuación local, até 10.000 nits de brillo máximo e unha cobertura de até o 100% do espazo de cor BT.2020

Isto tradúcese nunha experiencia HDR moito máis impactante, especialmente en películas, series e xogos compatibles con alto rango dinámico.

Novos paneis WHVA 2.0 Ultra e son Bang & Olufsen

Outro dos elementos destacados é o novo panel WHVA 2.0 Ultra, pensado para mellorar tanto os ángulos de visión como a estabilidade da imaxe, o contraste e a uniformidade do panel.

Ademais, algunhas das novas televisións incorporarán sistemas de son desenvolvidos xunto a Bang & Olufsen, así como deseños “Zero Border” con marcos extremadamente reducidos para unha integración máis elegante no salón.

Desta maneira, as novas gamas de TCL quedan divididas en tres series:

  • TCL X11L: o modelo máis avanzado. A serie X11L sitúase como o novo buque insignia da compañía, orientado a grandes diagonais e ao máximo rendemento audiovisual. É o modelo que aproveita ao máximo as capacidades de SQD-Mini LED.
  • TCL C8L: pensada para cine e gaming. A gama C8L mantén boa parte das tecnoloxías premium, pero cun enfoque máis equilibrado para usuarias que buscan unha excelente experiencia en cinema, deportes e videoxogos.
  • TCL C7L: Mini LED premium máis accesible. Por último, a serie C7L democratiza parte destas prestacións, levando o ecosistema SQD-Mini LED a un segmento máis accesible dentro da gama alta.

TCL tamén aposta polo gaming e as tablets

A compañía lembra que o seu ecosistema vai moito máis alá das televisións. TCL tamén lidera o mercado mundial de pantallas para monitores gaming e continúa desenvolvendo tecnoloxías propias como NXTPAPER 4.0, orientada a mellorar a comodidade visual en tablets e dispositivos portátiles.

Con este movemento, TCL apunta cara o segmento premium, nun momento no que o Mini LED continúa gañando terreo fronte ás tecnoloxías OLED tradicionais, especialmente nas diagonais máis grandes.

Sobre o autor

Reply