Xiaomi xa quenta motores para o lanzamento oficial do novo Xiaomi 17 Max, un smartphone que apunta directamente ao segmento máis extremo do mercado Android. A poucos días da súa presentación en China, prevista para o 21 de maio, xa se coñecen practicamente todas as súas características.
E o certo é que Xiaomi non parece querer pasar desapercibida: batería de gran capacidade, pantalla xigante, Snapdragon de última xeración e cámaras Leica forman parte dun dispositivo pensado para usuarios que buscan potencia sen límites.
Unha batería de 8.000 mAh
A gran protagonista deste Xiaomi 17 Max será a súa autonomía. A marca chinesa integrará unha batería de 8.000 mAh, a maior vista ata agora nun smartphone da compañía. Supera amplamente a maioría de móbiles premium actuais, que normalmente se moven entre os 5.000 e 6.000 mAh.
Segundo Xiaomi, isto será posible grazas á súa nova tecnoloxía de baterías de silicio-carbono, que permitiría manter un grosor relativamente contido sen converter o teléfono nun dispositivo excesivamente pesado.
Ademais, contará con carga rápida de 100W, carga sen fíos de 50W e novos sistemas de disipación térmica para evitar o quecemento do trebello.
Pantalla de 6,9 polgadas e Snapdragon 8 Elite Gen 5
Outro dos elementos estrela será a pantalla. O Xiaomi 17 Max apostará por un panel de 6,9 polgadas bautizado como “Super Pixel”, cunha nova disposición RGB que promete nitidez próxima ao 2K, cun menor consumo enerxético e mellor uniformidade da cor.
No interior atoparemos o novo Qualcomm Snapdragon 8 Elite Gen 5, chamado a ser un dos procesadores máis potentes do ecosistema Android deste ano. E coa súa incorporación, Xiami redeseñou a distribución interna do terminal para mellorar a refrixeración e evitar problemas de temperatura.
A fotografía tamén terá un papel moi importante neste modelo, que se convertirá no primeiro smartphone da compañía en integrar unha cámara Leica de 200 megapíxeles. O sistema traseiro completarase cun sensor ultra gran angular de 50 MP, un teleobxectivo periscópico de 50 MP con zoom óptico 3x.
Presentación e cores dispoñíbeis
O lanzamento oficial do Xiaomi 17 Max producirase o próximo 21 de maio en China e, segundo a filtración, o dispositivo chegará en tres acabados, que inclúen o branco, azul ceo e negro.
Polo momento non hai detalles sobre o seu prezo nin sobre unha posible chegada internacional, aínda que todo apunta a que Xiaomi buscará utilizalo como escaparate tecnolóxico fronte a rivais como Samsung, HONOR ou OnePlus.
