Samsung prepara o Exynos 2800 pensando en ofrecer máis IA local nos futuros Galaxy

Samsung xa traballa no futuro Exynos 2800, un procesador que promete marcar un antes e un despois na estratexia de intelixencia artificial da compañía. O obxectivo xa non é simplemente ofrecer máis potencia, senón conseguir que os dispositivos Galaxy sexan capaces de executar moitas máis tarefas de IA directamente no móbil, sen depender constantemente da nube.

Tras o lanzamento do Exynos 2600 xunto á serie Galaxy S26 nalgúns mercados, Samsung parece decidida a acelerar a aposta pola chamada “IA local” ou “on-device AI”, unha tendencia que tamén están impulsando fabricantes como Apple ou Qualcomm.

A IA local será o centro do Exynos 2800

Segundo as informacións filtradas, o Exynos 2800 está sendo deseñado desde o inicio arredor da intelixencia artificial. Isto supón un cambio importante respecto á forma tradicional de crear procesadores móbiles.

Ata agora, os chips incorporaban funcións de IA como un complemento adicional. Co Exynos 2800, Samsung pretende que a propia arquitectura do procesador estea optimizada especificamente para executar modelos de IA da forma máis eficiente posible dentro do dispositivo.

Na práctica, isto permitiría que moitas funcións de Galaxy AI funcionasen sen conexión a Internet, reducindo latencia, consumo de datos e problemas de privacidade.

Menos nube e máis procesamento no propio móbil

A maioría das funcións de IA actuais nos smartphones funcionan mediante un sistema híbrido: as tarefas máis sinxelas execútanse no teléfono e as máis complexas envíanse á nube.

Samsung quere reducir esa dependencia dos servidores externos. O Exynos 2800 permitiría realizar directamente no dispositivo tarefas como a tradución simultánea sen Internet ou a edición de fotografías por IA en tempo real.

Máis non só iso. A compañía tamén quere que sexa o propio dispositivo o que faga resumos automáticos de texto e xere de contido sen conexión, ademais de servir como un asistente máis rápido e privado.

Ao procesarse todo no propio terminal, a resposta sería máis inmediata e os datos persoais non terían que abandonar o dispositivo.

A gran novidade: Samsung prepara a súa propia GPU

Outro dos cambios máis importantes do Exynos 2800 estaría na parte gráfica. O chip converteríase no primeiro procesador móbil de Samsung cunha GPU completamente desenvolvida pola propia compañía.

Nos últimos anos, os Exynos empregaban tecnoloxía gráfica baseada na arquitectura RDNA de AMD. Agora Samsung pretende controlar tamén este apartado para optimizar mellor o rendemento da IA e dos xogos.

Para iso, incorporou ao proxecto a John Rayfield, antigo vicepresidente de AMD e unha das figuras máis coñecidas do sector das GPUs.

Esta decisión ten moito sentido no contexto actual, no que as GPUs xa non son só importantes para videoxogos, senón tamén para acelerar modelos de intelixencia artificial e tarefas de procesamento paralelo.

Un chip pensado para moito máis que smartphones

Samsung tamén quere converter o Exynos 2800 nunha plataforma común para diferentes tipos de dispositivos. Segundo as filtracións, o procesador podería utilizarse non só en futuros Galaxy, senón tamén en outro tipo de dispositivos, como lentes intelixentes, robots humanoides, vehículos autónomos, wearables e toda unha gama de dispositivos domésticos conectados

Todo apunta a que Samsung considera a intelixencia artificial como o eixo principal dos seus futuros dispositivos. Máis que unha carreira por ter máis megapíxeles ou máis velocidade bruta, a batalla estará na capacidade dos teléfonos para executar funcións avanzadas de IA directamente no hardware.

Sobre o autor

Reply