Telefónica deu un novo paso na evolución das redes móbiles coa validación dun despregamento pioneiro de 5G no Movistar Arena. A compañía conseguiu velocidades de subida de ata 1,8 Gbps grazas ao uso da banda de 26 GHz, tamén coñecida como banda milimétrica ou mmWave, nunha demostración que podería marcar o futuro dos concertos, eventos deportivos e retransmisións en directo.
Aínda que a proba se realizou en Madrid, a relevancia deste avance vai moito máis alá do lugar concreto. O importante é a validación dunha tecnoloxía que no futuro podería chegar a estadios, pavillóns ou recintos de todo o Estado, incluída Galiza, mellorando tanto a experiencia do público como a produción audiovisual profesional.
Un 5G moito máis rápido e preparado para eventos masivos
O despregamento realizado por Telefónica aproveita os 1.000 MHz de espectro dos que dispón na banda de 26 GHz, algo único no mercado español. Esta enorme capacidade permite ofrecer un ancho de banda moi superior ao do 5G convencional que emprega a banda de 3,5 GHz.
Na práctica, isto tradúcese nunha rede capaz de soportar ao mesmo tempo milleiros de persoas conectadas compartindo vídeos, facendo directos ou consumindo contido en streaming, mentres se realizan retransmisións profesionais en ultra alta definición.
Durante a demostración utilizouse unha configuración denominada Heavy Uplink, centrada en potenciar especialmente a velocidade de subida. Grazas a ela acadáronse máis de 1,8 Gbps de subida, unha cifra récord nunha rede comercial 5G no Estado español.
Retransmisións 4K sen cables e con baixa latencia
A proba contou coa colaboración de Sony, que empregou tecnoloxía profesional de produción audiovisual para transmitir vídeo 4K en tempo real a través da rede 5G. O sistema utilizou cámaras profesionais, codificación HEVC de baixa latencia e transmisores portátiles conectados directamente á rede mmWave. Isto permite reducir a necesidade de cableado e simplificar enormemente as retransmisións en directo en eventos deportivos ou concertos.
A combinación de 5G avanzado e produción remota abre a porta a novas formas de realizar eventos televisivos, con maior flexibilidade e menor custo operativo.
Aínda que a banda de 26 GHz ten un alcance máis limitado que outras frecuencias, o seu enorme ancho de banda convértea nunha opción ideal para espazos con gran concentración de persoas, como estadios, pavillóns ou festivais.
Este tipo de despregamentos poderían acabar chegando a recintos deportivos ou culturais doutros territorios, especialmente en lugares onde xa se experimentou con produción audiovisual sobre redes 5G, como o estadio de Abanca-Riazor.
Telefónica xa viña traballando nesta liña con proxectos de retransmisión automatizada en estadios e eventos deportivos, pero esta nova demostración confirma que o 5G mmWave pode converterse nunha peza clave para o futuro do entretemento conectado.
