Samsung e Google presentan os seus primeiros lentes intelixentes con Gemini: o regreso da idea das Google Glass, agora con IA

Os lentes intelixentes volven estar de actualidade. Durante a conferencia Google I/O 2026, Samsung e Google amosaron os seus primeiros lentes intelixentes desenvolvidos conxuntamente baixo a plataforma Android XR, nun movemento que inevitablemente lembra ás míticas Google Glass.

A diferenza daquel proxecto pioneiro, que chegou demasiado cedo ao mercado e xerou polémica pola privacidade, esta nova xeración aposta por un deseño moito máis discreto, integración total coa intelixencia artificial Gemini e unha experiencia máis natural no día a día.

Uns lentes normais… pero con Gemini integrado

Samsung e Google colaboraron con dúas marcas coñecidas do sector óptico e da moda: Gentle Monster e Warby Parker. O obxectivo é afastarse da estética aparatosa de outros dispositivos de realidade mixta como Apple Vision Pro ou Meta Quest 3.

Os novos lentes teñen un aspecto moi próximo ao dunha montura convencional, pero incorporan cámara, micrófonos, altofalantes e conexión co smartphone para funcionar mediante comandos de voz grazas a Gemini.

As usuarias poderán facer preguntas, recibir indicacións paso a paso, consultar notificacións, engadir eventos ao calendario ou pedir recomendacións sen sacar o móbil do peto.

Tradución simultánea e IA contextual

Un dos aspectos máis chamativos presentados durante a Google I/O 2026 foi a tradución en tempo real. Os lentes poden traducir conversacións ou textos visibles no entorno, como menús, sinais ou carteis, empregando a cámara integrada e a IA de Google.

Segundo Samsung, Gemini tamén será capaz de adaptar a voz da tradución ao ton da interlocutora para facer a experiencia máis natural. A compañía surcoreana insiste en que o dispositivo está pensado para “manter as mans e a vista libres”, algo especialmente útil en viaxes, desprazamentos ou actividades cotiás.

O regreso do concepto Google Glass

Estas lentes forman parte do ecosistema Android XR, a nova plataforma de Google para dispositivos de realidade estendida e computación espacial. A intención da compañía é competir directamente coas propostas de Apple, Meta ou Xiaomi nun mercado que podería vivir un novo boom nos próximos anos grazas á IA.

Neste caso, Samsung encárgase do hardware mentres Google desenvolve o software e a integración con Gemini.

O anuncio tamén supón unha especie de segunda oportunidade para a idea das Google Glass. Aqueles lentes lanzados en 2013 foron revolucionarios para a época, pero atopáronse con problemas de autonomía, limitacións técnicas e unha forte preocupación social pola privacidade.

Agora, coa madurez da intelixencia artificial e compoñentes máis pequenos e eficientes, Google parece convencida de que chegou o momento adecuado para recuperar o concepto.

Sen prezo confirmado e lanzamento previsto para o outono

Samsung e Google confirmaron que as primeiras coleccións chegarán este outono a determinados mercados, aínda que polo momento non revelaron nin o prezo nin os países onde estarán dispoñibles inicialmente.

O éxito dependerá de factores como o custo, a comodidade de uso e a aceptación social de falar cuns lentes pola rúa. Aínda que coa expansión dos auriculares sen fíos xa nos fomos acustumando 🙂

Sobre o autor

Reply