O mundo tecnolóxico móvese a gran velocidade, e as tendencias de consumo dixital son o mellor reflexo disto. Recentemente saíron á luz os resultados da 28ª Edición de “Navegantes na Red”, o prestixioso e extenso estudo elaborado pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC).
Cun mostrexo de aproximadamente 15.000 entrevistas, este informe destapa unha realidade que se sostén en tres piares: Internet é o motor da nosa vida cotiá; o smartphone é o rei absoluto dos nosos trebellos; e a Intelixencia Artificial (IA) está a experimentar unha expansión sen precedentes.
Unha sociedade hiperconectada
O nivel de dependencia dixital resulta moi elevado, con case a metade das usuarias (45,8%) declarando estar conectadas de forma practicamente constante. Unha cifra que sobe ata o 89,3% se sumamos as que acceden varias veces ao día. En media, as usuarias dedican case catro horas diarias a navegar pola rede.
O smartphone mantense como o dispositivo de acceso a Internet máis importante, empregado polo 91,0% das enquisadas. Un 36,3% asegura conectarse ao móbil de xeito case constante , cun tempo medio de uso de 2 horas e 42 minutos ao día, e o 55,1% recoñece abertamente que non podería vivir sen Internet no móbil. Un 36,5% declara consultalo de forma case compulsiva.
O estudo destaca tamén o avance nas redes móbiles, declarando un 76,8% das persoas consultadas ter acceso á tecnoloxía 5G no seu dispositivo, o que supón máis do dobre que hai catro anos. Isto vese complementado co auxe das tarifas de datos ilimitados, presentes xa no 63,1% dos teléfonos.
A IA acelera o seu despregamento
A IA deixou de ser unha promesa de futuro para converterse nunha ferramenta diaria de peto. Segundo o informe de AIMC, o 77,8% das enquisadas xa utilizou ferramentas de intelixencia artificial en algunha ocasión, experimentando un crecemento de 17 puntos en tan só un ano. O máis sorprendente é que o 36,5% xa as emprega a diario.
Entre os usos máis destacados están as consultas xerais (73,6%); a xeración ou corrección de textos (38,2%); a análise de datos ou resumos (33,2%); e as traducións (tamén un 33,2%).
No terreo das aplicacións e asistentes, o panorama está a cambiar de forma drástica. Se ben ChatGPT (OpenAI) segue liderando con diferenza ao ser elixido polo 74,2% dos usuarias de IA (malia sufrir un lixeiro retroceso de 3,5 puntos), Gemini (Google) experimenta unha forte subida de 17 puntos, sitúandose no 41,9% de penetración e consolidándose como o segundo gran xogador do mercado e adiantando con claridade a Copilot de Microsoft, que cae ao 22,9%.
Este crecemento de Gemini está moi ligado á estratexia de Google de integralo de forma nativa no sistema operativo Android e nos seus teléfonos da gama Pixel e outras marcas asociadas.
Cambian as buscas tradicionais
Un dos cambios de paradigma máis importantes que revela a 28ª edición de Navegantes na Red é a forma en que buscamos información. Aínda que o 85,1% segue usando buscadores tradicionais diariamente, esta opción sufriu unha caída de 8 puntos nun ano.
O 58,4% das usuarias utilizan as redes Sociais (TikTok, Instagram…) como motor de busca, especialmente para inspiración. Outro 32,7% aposta polos ferramentas de IA como buscador diario, o que supón un crecemento de 15 puntos en doce meses.
Aínda que Google segue sendo o rei indiscutible dos buscadores tradicionais cun 93,8%, o seu uso marcou o mínimo tras caer 2,5 puntos, unha tendencia que obriga á compañía a transformarse, como dixemos, a través da IA.
TikTok supera a X, pero Instagram manda
No apartado de redes sociais, o consumo a través do smartphone amosa movementos importantes no mercado do noso país.
Instagram semella seugir sen rivais, manténdose como a rede máis empregada, na que participan 3 de cada 4 usuarias (75%), e sendo a plataforma preferida do 39,9% das internautas. No posto contrario, Facebook segue en caída libre, situándose no 58,9% (-15 puntos en cinco anos).
Pola súa banda, TikTok fai historia cunha subida que a sitúa no 41,3%, logrando ademais superar por primeira vez á rede social X (antiga Twitter), que cae 7 puntos ata o 32,2%.
Ciberseguridade e o reto das ‘Fake News’
As usuarias consultadas tamén amosan serias preocupacións respecto ao rumbo que está a tomar a tecnoloxía. Por unha banda, os ciberdelitos son catalogados como un problema grave polo 85,1% das usuarias. Unha preocupación que confirma a estatística, xa que 4 de cada 10 usuarias (39,2%) afirman ter sido vítimas de algún ciberdelito nalgunha ocasión.
Por outro lado, o impacto da desinformación preocupa enormemente. O 83,0% das enquisadas cre que as fake news son un problema grave en Internet. Esta falta de credibilidade provocou que as persoas que elixen internet como a súa fonte principal para estar informados da actualidade descendera do 57,9% ao 51,0% en catro anos.
Ademais, existe unha crecente inquedanza (79,4%) polo poder excesivo que están a acumular as grandes empresas tecnolóxicas.
Principais conclusións do estudo AIMC
Os datos do estudo da AIMC constantan que Galiza, e o conxunto do Estado, conta cunha sociedade nunha fase de madurez dixital avanzada, na que Internet deixou de ser unha canle complementaria para converterse na infraestrutura central da nosa vida diaria.
A consolidación dos smartphones como ferramenta de acceso indiscutible e a expansión das redes 5G debuxan unha sociedade hiperconectada que demanda inmediatez e novos formatos de consumo. Porén, esta evolución tamén trae desafíos, como a crecente desconfianza cara a veracidade da información e a inquedanza pola seguridade dixital, que evidencian unhas usuarias máis críticas e conscientes dos riscos da ciberseguridade.
A acelerada adopción de ferramentas coma Gemini e o auxe de redes baseadas no vídeo curto, como TikTok, demostran tamén que as dinámicas tradicionais de navegación están a mudar cara a modelos máis interactivos e dinámicos. Un novo escenario que obriga a adaptarse, tanto ás empresas como ás propias usuarias.
Imaxe de portada: Gemini
