Os Xiaomi 17T e 17T Pro xa teñen data de lanzamento: cámaras Leica e potencia premium

Xiaomi prepara a chegada dos novos Xiaomi 17T e Xiaomi 17T Pro, dous smartphones que xa teñen data de lanzamento no noso país e que chegan acompañados dunha importante filtración de especificacións e prezos.

Segundo a información coñecida ata o momento, ambos modelos poderán mercarse a partir do 28 de maio e buscarán repetir a fórmula que fixo popular á serie T: ofrecer características de auténtica gama alta a prezos máis competitivos que os grandes buques insignia do mercado.

Xiaomi quere volver sacudir a gama alta

A familia T converteuse nos últimos anos nun dos piares da estratexia premium de Xiaomi. Estes dispositivos adoitan manter boa parte das prestacións dos modelos principais, pero cun prezo máis axustado.

No caso dos Xiaomi 17T e 17T Pro, a compañía chinesa parece apostar especialmente pola fotografía, a autonomía e o rendemento, tres apartados clave para competir fronte a marcas como Samsung, Apple ou HONOR.

Xiaomi 17T e Xiaomi 17T

O Xiaomi 17T apunta a converterse nun dos móbiles máis atractivos da súa franxa de prezo. Segundo as filtracións, contará cunha pantalla de 6,59 polgadas con taxa de refresco de 120 Hz, ideal para xogos, redes sociais e consumo multimedia. No interior atoparemos o procesador MediaTek Dimensity 8500-Ultra, un chip orientado á gama alta que promete gran rendemento e eficiencia enerxética.

Outro dos grandes protagonistas será a batería de silicio-carbono de 6.500 mAh, que ademais incluirá carga rápida de 67W. No apartado fotográfico, Xiaomi volverá colaborar con Leica, incorporando cámaras asinadas pola histórica firma alemá e un teleobxectivo con zoom óptico 5X.

O modelo máis avanzado da familia será o Xiaomi 17T Pro, que dará un salto importante en varios apartados clave. A pantalla crecerá ata as 6,83 polgadas e ofrecerá unha frecuencia de actualización de 144 Hz, orientada especialmente a xogadoras e usuarias máis esixentes.

O dispositivo estará impulsado polo potente MediaTek Dimensity 9500, un dos procesadores máis avanzados da compañía asiática. A autonomía tamén promete destacar grazas a unha batería de 7.000 mAh con tecnoloxía de silicio-carbono, acompañada de carga rápida de 100W e carga sen fíos de 50W.

En fotografía manterase a colaboración con Leica e o zoom óptico de 5 aumentos, consolidando a aposta da marca pola fotografía móbil avanzada.

Prezos filtrados e promocións de lanzamento

Segundo as filtracións, o prezo do Xiaomi 17T partiría dos 799 euros, mentres que o Xiaomi 17T Pro arrancaría nos 999 euros.

Xiaomi tamén prepara promocións especiais de reserva, con agasallos valorados en ata 250 euros e recompensas en Mi Points para utilizar na súa tenda oficial

Sobre o autor

Reply