Google aproveitou a celebración da Google I/O 2026 para anunciar oficialmente Wear OS 7, a nova versión do seu sistema operativo para reloxos intelixentes. A compañía promete unha plataforma máis eficiente, máis intelixente e moito máis integrada coa IA de Gemini.
A nova actualización chegará aos smartwatches compatibles ao longo dos próximos meses e traerá melloras importantes en autonomía, widgets, fitness, multimedia e automatizacións intelixentes.
Até un 10% máis de autonomía e Gemini
Un dos anuncios máis destacados é a mellora na eficiencia enerxética. Segundo Google, os reloxos que actualicen desde Wear OS 6 poderán obter ata un 10% máis de autonomía. Unha optimización que pode marcar unha diferenza importante no uso diario, especialmente en modelos con pantallas AMOLED e funcións avanzadas de saúde.
Porén, a gran protagonista da Google I/O 2026 foi novamente a intelixencia artificial, e os reloxos non quedan fóra desa revolución. Google confirmou que algúns smartwatches que se lancen a finais deste ano incluirán Gemini Intelligence, permitindo executar tarefas intelixentes directamente desde o pulso.
A compañía non revelou modelos concretos, pero todo apunta a que os primeiros dispositivos compatibles estarán equipados co novo procesador Snapdragon Wear Elite, capaz de executar IA localmente sen depender constantemente da nube.
Automatizacións intelixentes e control por voz
Wear OS 7 tamén introduce unha integración máis profunda entre apps, asistentes e automatizacións grazas á nova AppFunctions API.
Na práctica, isto permitirá facer accións máis avanzadas mediante voz. Por exemplo, as usuarias poderán dicirlle a Gemini “comeza a rexistrar a miña carreira” e automaticamente iniciarase o seguimento deportivo en apps como Samsung Health.
Google tamén mostrou exemplos de automatizacións con apps como DoorDash, permitindo facer pedidos ou controlar procesos directamente desde o reloxo.
Novos widgets máis dinámicos e Live Updates
Outra das novidades importantes de Wear OS 7 son os novos widgets dinámicos e flexibles. Google introduce dous tamaños distintos, similares aos widgets dos smartphones Android, para mostrar máis información útil nunha simple ollada. O obxectivo é reducir a necesidade de abrir apps constantemente e facer que o reloxo sexa máis práctico no día a día.

Google tamén leva aos reloxos unha función xa coñecida en smartphones: as Live Updates. Esta característica permitirá recibir actualizacións en tempo real directamente na esfera do smartwatch, algo especialmente útil para seguir entregas, navegación GPS, resultados deportivos ou transporte público.
Segundo a compañía, os fabricantes compatibles tamén poderán sincronizar estas actualizacións co móbil automaticamente.
Melloras multimedia e Wear Workout Tracker
Wear OS 7 incorpora varias melloras relacionadas co contido multimedia. Entre elas destaca o control individual de reprodución por aplicación, permitindo decidir que apps mostrarán os controis multimedia no reloxo.
Tamén chega un novo selector de saída de audio, que permitirá cambiar rapidamente entre auriculares, teléfono, reloxo ou outros dispositivos Bluetooth sen tocar o smartphone.
A nova versión tamén introduce Wear Workout Tracker, unha plataforma nativa de seguimento deportivo para facilitar o traballo ás desenvolvedores. Isto permitirá crear apps fitness máis completas sen necesidade de desenvolver desde cero sistemas de seguimento cardíaco, control multimedia ou rexistro de actividade. Google confirmou ademais unha colaboración con ASICS para integrar esta experiencia en Runkeeper.
Un paso máis cara aos reloxos intelixentes con IA
Con Wear OS 7, Google deixa claro que os reloxos intelixentes serán unha das próximas grandes frontes da intelixencia artificial. A integración de Gemini, as automatizacións contextuais e a mellora da autonomía buscan converter o smartwatch nun dispositivo cada vez máis independente do móbil.
Agora queda por ver que fabricantes apostarán máis forte por esta nova xeración de Wear OS e que modelos serán os primeiros en aproveitar todo o potencial da IA no pulso.
