R percorre Galiza cunha caravana tecnolóxica para achegar conectividade, servizos e agasallos a 13 localidades

A operadora galega R pon en macha unha iniciativa de proximidade coa súa caravana “airstream”. Trátase dunha sorte de oficina móbil que percorrerá 13 localidades galegas durante algo máis dun mes para achegar os seus servizos avanzados de conectividade, tecnoloxía e entretemento.

A ruta arrancará mañá, 26 de maio, en Ortigueira e Cariño, onde permanecerá ata o 30 de maio. Posteriormente visitará Betanzos, As Pontes, Celanova, Ribadavia, Barbadás, Caldas, Ordes, Arzúa, Melide, A Estrada e Cambados.

Achegar a tecnoloxía á xente

Con esta campaña, R busca reforzar a súa presenza física en vilas e concellos onde non sempre dispón dunha tenda propia. A idea é levar directamente á rúa información, asesoramento e demostracións sobre os seus servizos de telecomunicacións, apostando por un contacto máis próximo coa clientela galega.

No interior da caravana, as visitantes poderán descubrir os últimos dispositivos da marca vivo, socio tecnolóxico desta acción, ademais de coñecer solucións pensadas para mellorar a conectividade en todo tipo de fogares e empresas.

Entre os servizos destacados figura Internet Rural de R, unha proposta de banda larga baseada en tecnoloxía 5G para zonas onde a fibra óptica aínda non chega. A compañía asegura que esta solución xa está dispoñible en 296 concellos galegos e permite velocidades de até 1 Gbps en descarga, con wifi 6 e conexión simultánea de múltiples dispositivos.

Outro dos servizos protagonistas será cachocobertura R, da que falamos hai pouco. Unha solución deseñada para mellorar a cobertura móbil en interiores con dificultades estruturais, como casas antigas, baixos comerciais ou edificios con muros grosos. Para iso, o operador emprega pequenas femtoceldas autoinstalables que amplifican o sinal móbil dentro da vivenda ou negocio.

Ademais, R tamén promocionará o seu servizo VoWiFi, que permite realizar chamadas de voz a través da rede wifi cando a cobertura móbil é insuficiente.

Agasallos, concursos e experiencias interactivas

A caravana non será só un espazo informativo. R tamén prepara diferentes actividades para atraer ao público, incluíndo unha máquina de aire na que as asistentes deberán atrapar papeis voando para conseguir premios directos e participar no sorteo dun smartwatch da marca vivo.

A campaña complementarase con concursos nas redes sociais, nos que se irá revelando a seguinte parada da ruta para xerar expectación entre as usuarias.

Para esta acción, R escolleu unha caravana tipo “airstream”, un vehículo clásico e moi recoñecible que funcionará como oficina aberta e espazo de interacción coas usuarias. O operador galego busca así combinar innovación tecnolóxica cunha experiencia próxima e accesible.

Sobre o autor

Reply