Os RedMagic 11S Pro e 11S Pro+ xa son oficiais, e veño con Snapdragon 8 Elite Gen 5 “turbo” e refrixeración extrema

A marca de dispositivos gaming RedMagic acaba de presentar oficialmente na China os novos RedMagic 11S Pro e RedMagic 11S Pro+, dous smartphones deseñados para levar o rendemento móbil ao límite. Os novos modelos apostan por unha versión modificada do potente Snapdragon 8 Elite Gen 5, pantallas de 144 Hz, ventiladores físicos integrados e baterías de alta capacidade, que chegan até os 8.000 mAh.

A compañía mantén a súa filosofía claramente enfocada ao gaming avanzado, pero introduce melloras importantes en potencia, autonomía e refrixeración para competir cos móbiles máis avanzados do mercado.

Máis potencia e mellor refrixeración

O principal protagonista desta nova xeración é o procesador Snapdragon 8 Elite Gen 5 Leading Version, unha versión overclockeada do chip estrela de Qualcomm. Esta variante acada frecuencias de ata 4,74 GHz nos núcleos principais, superando os 4,61 GHz do modelo estándar. Un incremento que permite ofrecer ata un 9 % máis de rendemento multinúcleo, algo especialmente relevante para xogos esixentes e multitarefa pesada.

O RedMagic 11S Pro aposta por unha pantalla AMOLED BOE X10 de 6,85 polgadas con resolución 1,5K, refresco de 144 Hz e brillo máximo de 2.000 nits, unha combinación pensada para ofrecer unha experiencia fluída tanto en xogos como en contido multimedia.

A súa batería é de 8.000 mAh, con tecnoloxía silicio-carbono, que promete maior densidade enerxética mantendo un grosor contido. Ademais, incorpora carga rápida de 80 W e bypass charging, unha función moi apreciada polas xogadoras porque permite alimentar o teléfono directamente sen quentar a batería durante longas sesións.

O sistema de refrixeración inclúe un ventilador físico de 24.000 RPM integrado no propio terminal, acompañado de gatillos táctiles capacitivos de 520 Hz para mellorar a experiencia gaming.

Pola súa banda, o RedMagic 11S Pro+ comparte practicamente toda a base técnica do modelo estándar, pero sobe un chanzo nas prestacións máis avanzadas. Neste caso, a batería baixa lixeiramente ata os 7.500 mAh, pero a cambio incorpora carga rápida de 120 W por cable e carga sen fíos de 80 W, cifras moi pouco habituais no sector gaming.

Tamén mellora o apartado térmico grazas a un sistema combinado de ventilador físico e refrixeración líquida pulsante, pensado para manter temperaturas estables mesmo en partidas moi esixentes.

A configuración máis potente chega ata os 16 GB de RAM e 1 TB de almacenamento UFS 4.1.

Rendemento fronte fotografía

Como adoita ocorrer nos smartphones gaming, RedMagic segue priorizando claramente o rendemento fronte á fotografía. Aínda así, ambos modelos inclúen unha cámara principal de 50 MP, un ultra gran angular tamén de 50 MP e un sensor macro de 2 MP. A cámara frontal de 16 MP está integrada baixo a pantalla para evitar interrupcións visuais durante o xogo.

Tamén destacan características como a protección IPX8, a incorporación de gatillos gaming de alta frecuencia, o jack de auriculares de 3.5 mm e a conectividade de última xeración para xogos online. Como sistema operativo emprega Android 16 con RedMagic OS 11.5.

Prezo e dispoñibilidade

Os novos RedMagic 11S Pro e 11S Pro+ xa están dispoñibles na China, aínda que polo momento non hai confirmación oficial para Europa ou outros mercados internacionais.

Os prezos ao cambio quedan nuns 700 € para o RedMagic 11S Pro, e algo máis de 1.000 euros para o RedMagic 11S Pro+, a versión máis avanzada.

Con esta nova xeración, RedMagic reforza a súa posición como unha das marcas máis orientadas ao gaming móbil, apostando por especificacións extremas, sistemas de refrixeración únicos e autonomías que superan xa claramente a maioría dos smartphones premium tradicionais.

Sobre o autor

Reply