O próximo móbil de HONOR apunta a unha batería de ata 12.000 mAh

A guerra pola autonomía nos smartphones acaba de subir un novo chanzo. Segundo varias filtracións publicadas por medios especializados, o futuro Honor Power 3 podería converterse nun dos teléfonos con maior batería do mercado grazas a unha capacidade de entre 11.000 e 12.000 mAh.

Tras sorprender co anterior Honor Power 2 e a súa batería de 10.080 mAh, HONOR parece decidida a continuar apostando por unha fórmula centrada na autonomía extrema, nun momento no que moitos fabricantes buscan diferenciarse máis polo deseño ou a intelixencia artificial.

Un smartphone pensado para durar varios días

A gran protagonista deste novo terminal sería a súa batería baseada en tecnoloxía silicio-carbono, unha evolución que permite aumentar considerablemente a capacidade enerxética sen disparar tanto o tamaño interno das compoñentes.

Se estas cifras se confirman, o Honor Power 3 podería ofrecer varios días de uso intensivo sen necesidade de pasar polo cargador, algo especialmente atractivo para usuarias que viaxan, xogan, consumen moito vídeo ou simplemente están cansas de depender dunha toma de corrente a diario.

Porén, a cuestión está en saber se integrar unha batería deste tamaño pode afectar directamente ao peso, ao grosor e á ergonomía do dispositivo. O reto para HONOR será evitar que o móbil acabe converténdose nun terminal excesivamente voluminoso ou incómodo no uso diario.

Outras características filtradas

Máis aló da batería, as filtracións tamén apuntan a que o novo dispositivo estreará o procesador MediaTek Dimensity 8600, un chip fabricado en 3 nanómetros orientado á gama media-alta e centrado no equilibrio entre potencia e eficiencia enerxética.

Outra das especificacións coñecidas é a súa pantalla. Trataríase dun LTPS de 6,8 polgadas con resolución 1.5K, unha selección que consume menos enerxía ca outras habituais do mercado, o que tamén encaixa nesa filosofía de ofrecer a máxima duración de batería posible.

Polo de agora non hai detalles oficiais sobre as cámaras, mais de seguir a filosofía do seu predecesor, o fabricante optará por sacrificar parte da experiencia fotográfica para manter o prezo controlado e apostar pola batería como principal argumento de venda.

Sobre o autor

Reply